DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A alumna Victoria Rodríguez escollida entre as seis mellores estudantes polo Club de Creativos

De tour polas principais axencias de publicidade de España

Realizará prácticas ata o mes de marzo cos mellores profesionais do país

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 24/09/2012

Logrou situarse entre as seis mellores estudantes creativas de España. Victoria Rodríguez, alumna do Máster en Dirección de arte en publicidade converteuse nunha das seleccionadas polo Club de Creativos para realizar un tour polas principais e máis prestixiosas axencias de publicidade de España, ao conseguir situarse entre os 28 gañadores do concurso Versus 2012. Comezará as súas prácticas en Madrid no mes de outubro, “unha oportunidade enorme de que vexan os meus deseños e de darme a coñecer entre os mellores profesionais do sector”, comenta Rodríguez que se sente especialmente satisfeita por ver valorado o seu traballo.

O Club de Creativos organiza dende 2001 unha competición nacional para buscar os mellores talentos creativos de 14 escolas e facultades de comunicación e deseño do país. O seu proxecto publicitario foi seleccionado entre máis de 130 propostas, no que nun principio se preinscribiran 265 mozos. Nesta edición o concurso propuxo realizar unha campaña que anunciase o Día C, un evento que celebra todos os anos o propio organismo. No anuncio deseñado había que destacar que se celebrará na cidade de Pamplona durante os vindeiros tres anos. Victoria Rodríguez botou man do humor e elaborou catro propostas “servíndome de situacións facilmente recoñecibles para todo o mundo e para que o público se situase na cidade servinme do seu elemento máis popular, o pano vermello dos San Fermíns”, explica. A partir de debuxos moi sinxelos quixo darlle forza ao número tres e plasmou a Karlos Arguiñano abrindo un ovo de tres xemas; a “clásica” pelexa entre Santa Claus e os Reis Magos; os tres obxectos que se escollerían para unha illa deserta e unha parella de tres. “A pesar de que non era necesario elaborar varias propostas, decidín facelo para demostrar que a campaña podería ser moi polivalente, dinámica e diferente”, subliña Rodríguez.

Os 28 premiados comezarán neste outubro unha rolda de visitar por seis axencias de publicidade de Madrid e Barcelona polas que irán creando unha carpeta de traballo en colaboración cos principais creativos do país, tendo a posibilidade de realizar dous meses de training nunha das empresas a partir de xaneiro de 2013, “o que resulta moi complicado por outras vías xa que todo o mundo quere entrar a facer prácticas nelas”. Rodríguez recoñece que vivir en Madrid durante estes meses “suporá todo un esforzo económico, pero estou segura de pagará a pena o esforzo”.

Pór en valor a canteira galega

Este logro de quedar nun posto tan alto dun concurso organizado polos mellores creativos axuda “a manter unha actitude positiva ante a realidade actual”, engade Rodríguez que demanda un maior recoñecemento profesional para os novos talentos que pode que non conten coa experiencia suficiente “pero si con moitas ganas e ideas novas”. Por outra banda, este premio tamén demostra “que en Galicia temos unha boa formación e moito que dicir neste sector, cunha canteira na que se pode confiar”.

Victoria Rodríguez pensa no “día a día”. Pospuxo as súas prácticas do mestrado para vivir esta experiencia profesional en Madrid. “De momento vou pór todos os meus esforzos nesta oportunidade. Agora quero aprender, quero converterme nunha mellor profesional e vou a absorber todo o que me teña preparado esta experiencia”, sinala. Como consello ás xeracións que veñen por detrás esta nova promesa creativa anímaos a que participen e demostren o seu talento “en canto concurso se poña por diante porque as cousas están un pouco difíciles, pero as oportunidades hai que perseguilas e gañalas”, conclúe.