DUVI

Diario da Universidade de Vigo

José Mariano Franco ofreceu este xoves unha conferencia sobre este tema

As toxinas producidas por microalgas, a análise en Ciencias

Durante a súa intervención falou das características, efectos e control destes velenos

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 08/06/2017

A Facultade de Ciencias do campus de Ourense acolleu este xoves unha conferencia de José Mariano Franco, experto no eido das toxinas e ata hai pouco tempo, ata a súa xubilación, investigador do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, en Vigo. Durante a súa intervención, abordou as características das toxinas emerxentes producidas por microalgas e as súas consecuencias, fundamentalmente para o ser humano.

Convidado pola Área de Nutrición e Bromatoloxía da Universidade de Vigo, a conferencia foi presentada polo catedrático Jesús Simal, que destacou a traxectoria investigadora do relator na temática protagonista da conferencia. José Mariano Franco comezou a súa intervención falando das toxinas, velenos producidos por organismos vivos, neste caso microalgas, que dixo soen ser principalmente compoñentes orgánicos. Ao longo da súa intervención, o experto falou das máis presentes en Galicia, como son as toxinas paralizantes, as diarreicas e as amnésicas. Tamén salientou como están aparecendo novas microalgas, coas súas conseguintes toxinas, en zonas nas que ata o de agora non tiñan presenza, debido ao impacto do cambio climático.

Durante a conferencia, José Mariano Franco abordou cuestións como a potencia tóxica das diferentes toxinas, os métodos de determinación e o seu proceso de entrada na cadea trófica, é dicir, de como a microalga que está no mar é consumida polo molusco e este á súa vez polo ser humano e as consecuencias que iso ten na súa saúde. “O que fai falta é coñecemento e control, por unha banda das microalgas e por outra dos moluscos”, apuntou o experto, que tamén falou da regulación neste eido e das diferentes entidades implicadas.