DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Traballadores de dúas universidades suecas visitan esta semana os tres campus

Ao abeiro dos programas de mobilidade internacional para PAS

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Lucía Costas DUVI 25/05/2009

Seis traballadores de administración e servizos da Växjö University e da Karlstad University aterraron esta fin de semana en terras galegas para disfrutar dunha estadía semanal na Universidade de Vigo. Tove Bergquist, Kent Karlsson, Rositha Randver e Paola Tora, procedentes de Växjö, e Fredrik Carlen e Bengt Hallgren, de Karlstad, foron recibidos esta mañá no Edificio Miralles por Amelia Rodríguez, responsable da Oficina de Relacións Internacionais. Os catro primeiros viaxaron a través dun programa Erasmus, Fredrick mediante o Grupo Compostela de Universidades e Bengt baixo o financiamento do seu propio centro.
Rodríguez deulles a benvida e explicoulles a distribución dos diferentes edificios e servizos no campus. Despois de facerlles un pequeno agasallo, guiounos nunha visita polo Edificio da Biblioteca Central, o Centro Comercial e a zona deportiva.

Ocupando e desenvolvendo diferentes postos e labores

Para todos eles esta é a primeira vez que están en Galicia e, incluso, para algúns a primeira en España. Veñen aquí co obxectivo de observar o xeito de traballar da Universidade de Vigo, “de ver cómo as persoas que ocupan o noso mesmo posto desenvolven as diferentes tarefas”, sinala Rositha. Ademais, “temos a curiosidade de coñecer a cultura española, pois na nosa universidade tratamos con bastantes estudantes españois”, engade Paola.
Tove traballa como recepcionista e telefonista, polo que centrará a súa estadía no servizo de información así como no rexistro. Kent é conserxe e tamén participa en cuestións relacionadas coa reciclaxe, ao igual que Paola que se encarga de temas medioambientais e ademais traballa no servizo de limpeza; ámbolos dous visitarán a Oficina de Medio Ambiente na cal poderán comprobar o seu funcionamento para acadar os obxectivos marcados, as campañas que levan a cabo, etc. Rositha, pola súa parte, é secretaria dunha das escolas de Växjö University e irá nestes días ás facultades de Filoloxía e Tradución e Ciencias Sociais e da Comunicación e á ES de Enxeñaría Informática para traballar en tarefas administrativas.
A través do Grupo Compostela de Universidades, Fredrik chega a Vigo para incorporarse, aínda que só sexa esta semana, aos servizos informáticos de investigación co asesoramento de Miguel Jiménez Polo. Finalmente, Bengt achégase a esta universidade, como xestor e coordinador dun centro, para observar o funcionamento do servizo de calidade, comprobando, por exemplo, a avaliación das enquisas docentes.

Visitas pola contorna e norte de Portugal

Todos eles coincidían en que, no pouco que aínda puideron ver, Vigo parece “unha cidade bonita”; non obstante, chamoulles a atención “a mestura das construcións antigas e modernas, así como as múltiple subidas e baixadas”, apunta Paola.
Durante toda a semana terán tempo, ademais de para levar a cabo actividades profesionais, de disfrutar das paisaxes e contornas que nos rodea. Deste xeito, esta mesma tarde desprazaranse ata ao norte de Portugal, recorrendo tamén a costa dende Vigo ata A Guarda; así mesmo, mañá martes tamén está programada unha visita ás Illas Cíes.
Hoxe e mañá a actividade localizarase no campus vigués, o mércores desprázase ata Pontevedra e o xoves estará na cidade das Burgas.