DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nas próximas semanas instalaranse carteis identificativos no interior e no exterior do edificio

Traballando na nova faciana do Pavillón Universitario

Ata o 22 de abril continúa aberto o prazo de presentación de ideas para dotar de murais a dúas das f

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Eduardo Muñiz DUVI 10/04/2014

Converter o Pavillón Universitario nunha instalación recoñecible para toda a cidadanía de Pontevedra. Ese é o obxectivo que se persegue coas diferentes accións nas que traballa a Vicerreitoría do campus e que proporcionarán unha nova faciana á infraestrutura deportiva. En primeiro termo, nos próximos días instalaranse neste edificio unha serie de carteis identificativos, no que será o primeiro paso do cambio da imaxe exterior do pavillón, posteriormente completado coa execución do proxecto gañador do concurso de ideas convocado para dotar dun mural a dúas das paredes exteriores.

Ata o 22 de abril permanece aberto o prazo de presentación de propostas para este concurso dirixido ao alumnado do campus, que poderá concorrer tanto de xeito individual coma en grupos e optar a un premio económico de 2000 euros. Como explica a responsable da Área de Extensión Cultural, Deportiva e de Comunicación do campus, Ana Belén Fernández Souto, “a temática dos proxectos deberá xirar arredor da actividade deportiva e a técnica será libre. Pode ser pintura ou graffiti ou optarse por calquera outra fórmula, sempre que sexa perdurable no tempo”.

Tralo peche do prazo de presentación de proxectos, unha comisión na que estarán representadas a Vicerreitoría do campus, a Facultade de Belas Artes e o Servizo de Deportes encargarase de seleccionar a proposta gañadora, valorando aspectos como a integración do deseño na contorna, a adecuación do proxecto ao orzamento asignado para a execución da obra (5000 euros) e a viabilidade da súa construción. A partires de aí, darase paso á segunda fase do concurso, a da propia execución do proxecto por parte do alumnado gañador, que disporá de prazo ata o 30 de xuño para trasladar as súas ideas á fachada lateral do pavillón na rúa Padre Gaite, de 46 metros de longo, e ao muro do pavillón que se atopa na rúa Cruz Vermella, de máis de 30 metros de lonxitude. “Deste xeito, contribuímos tamén a darlle visibilidade ao traballo do alumnado e, ao mesmo tempo, intentamos potenciar os estudos máis creativos do campus, na liña do proxecto do Campus CREA”, engade Fernández Souto.

O cambio de imaxe comeza en poucos días

Co obxectivo de ter o exterior do edificio listo para que se poida plasmar nel o mural gañador, nos próximos días procederase á limpeza das fachadas do pavillón, para a continuación acometer a instalación dunha serie de carteis identificativos da infraestrutura, tanto na parte exterior como no interior do pavillón. Como explica Fernández Souto, o obxectivo desta medida “é facer que a instalación sexa coñecida pola cidadanía e por iso tamén se están potenciando as actividades abertas á sociedade no pavillón, máis aló da comunidade universitaria, a través de convenios con ximnasios ou entidades deportivas”.