DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Últimas días para visitar as exposicións ‘Negra Sombra’ e ‘Tic-tac papel’

O traballo de Belas Artes convence aos espazos expositivos da cidade

No pasado mes ata cinco mostras diferentes estiveron abertas ao público en Pontevedra

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 03/02/2012

Ironías do Aparente
, Visoespacial, 11 y punto, Negra Sombra ou Tic Tac papel son nomes de exposicións que teñen algo en común. Todas elas son froito do talento e a creatividade de alumnos e alumnas da Facultade de Belas Artes do campus e todas conseguiron a confianza dun espazo expositivo da cidade pontevedresa para amosar por primeira vez publicamente as súas inquedanzas artísticas. No mes de xaneiro estiveron abertas ata cinco exposicións das cales dúas, Negra Sombra e Tic-tac papel, aínda se poden visitar, pois manterán abertas as súas portas ata a próxima semana no Pazo de Mendoza e na Sala da Escola de Restauración respectivamente.

Como no caso de Ironías do Aparente e Visoespacial, Negra Sombra nace dun exercicio da materia Xestión, ámbito artístico e profesional, impartida polo profesor Xosé Manuel Buxán, na que se fomenta o contacto real entre o alumnado e o mundo laboral. María Blanco, Sabela Fernández, Fran Miguens, María Prada, Marlene Vanessa Rodríguez e Irene Saíñas inspiráronse na sombra para desenvolver o seu proxecto artístico, aínda que cada un dende una óptica persoal e diferente, “dende a consideración da sombra como gradación do color ata o emprego de sombras como elementos fundamental da narración”, explica María Prada, unha das artistas. O título da exposición, Negra sombra, fai referencia ao poema de Rosalía de Castro e conxuga pintura con fotografía, pero tamén está presente as instalacións “e obras máis experimentais que pertencen ao campo expandido da arte”, engade Prada.

Paixón polo papel

Ti-Tac papel manterá as súas portas abertas ata o vindeiro 8 de febreiro. Nesta mostra, Clara Salamanca e Ana Ferrer, ambas tituladas en Belas Artes, experimentan co papel, xa sexa como soporte ou como protagonista da obra. Empregan ese material de todas as maneiras posibles para reflexionar sobre o tempo como instante detido, “como distancia, como futuro, como unha lembranza… establecendo unha relación entre o devir e o material, de aí o título da exposición”, sinala Ana Ferrer. A exposición contén case 50 pezas artísticas de mediano tamaño cunha importante presenza do debuxo, do collage e de impresións.

Os autores na súa maioría son estudantes de último curso do Grao en Belas Artes e estas exposicións supoñen a súa primeira aproximación á realidade profesional. “É a primeira vez que amosamos publicamente os nosos traballos, confrontando as nosas creacións co espectador, coa realidade e co espazo expositivo”, recoñece unha das artistas, o que valoraron como unha experiencia “moi enriquecedora e intensa”.