DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Elaborado por un equipo multidisciplinar de investigadores galegos e do Norte de Portugal

Un traballo sobre a innovación agroalimentaria faise co III Premio de Investigación da Eurorrexión

A investigación traza un camiño común no que se persiga como meta a competitividade do sector

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 14/04/2011
O traballo A innovación no sector agroalimentario eurorrexional fíxose, por maioría de votos, coa terceira edición do Premio de Investigación da Eurorrexión. Centrado na innovación na industria alimentaria, un sector especialmente importante para a Eurorrexión, o estudo está realizado por un equipo de investigación multidisciplinar no que economistas , informáticos, enxeñeiros e químicos traballaron man a man dende as universidades de Vigo, Minho, Tras-Os-Montes e o Alto Douro, e o Instituto Politécnico Superior de Viana do Castelo. Como resultado: “un traballo ben estruturado con resultados relevantes e conclusións útiles”, tal e como subliñou na entrega do premio o profesor Luis Domínguez, director da Cátedra da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

A investigación é froito do esforzo de máis de 30 investigadores que levan os dous últimos anos traballando na Rede de Innovación Alimentaria na Rexión Norte de Portugal-Galicia, coñecida como REAL, á que o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, se referiu como “unha experiencia magnífica de networking intelixente no que claramente se visualizan as oportunidades que presenta a Eurorrexión”. Neste aspecto tamén fixo fincapé Ernesto López- Valeiras, que falou en nome dos premiados, e insistiu en que, a pesar de ser un sector tradicionalmente considerado como conservador no eido da innovación “dispón de nichos nos que aplicar novas tecnoloxías e lanzar novos produtos que permitan ás empresas, sobre todo ás de mais pequeno tamaño, competir con garantías”.

Exemplo do “mellor espírito” de cooperación eurorrexional, como destacou Domínguez, o traballo amosa a todos os axentes implicados no sector, referencias claras sobre a situación da innovación que facilitan claves estratéxicas de cara onde debe ir o sector. “É un punto de partida para trazar un camiño común no que se persiga como meta a competitividade e a supervivencia do sector agroalimentario”, expuxo López-Valeiras que, en nome de todos os autores, subliñou que asumen o premio como un “respaldo e estímulo ao coñecemento da realidade eurorrexional e ao desenvolvemento da súa identidade”.

Construír futuro na Eurorrexión

Nun acto no que non pasou desapercibido o difícil intre económico que está a vivir a economía portuguesa, especialmente, pero tamén a española, o reitor vigués subliñou que “é, precisamente nestes momentos, cando hai que traballar máis e mellor para construír futuro” e, en relación a por onde debemos fabricar ese futuro, apuntou non só ao Campus do Mar, “un exemplo perfecto”, senón tamén a outros sectores como a automoción, que debe facerse máis versátil a través da innovación; a propia agroalimentación “onde claramente se visualizan oportunidades” e mesmo camiñar cara un novo concepto de bosque, en referencia a “necesidade de facer networking no mundo forestal para facer posible a súa evolución”.
Tamén tivo palabras de apoio para a Eurorrexión Guillermo Brea, director da Obra Social de Novacaixagalicia, quen lembrou que “investir neste territorio é investir en futuro, por difícil que sexa o presente” subliñou, ao tempo que lembrou que as estratexias de especialización intelixentes van ser necesarias en “todas as áreas”, exemplificando coa agroalimentaria e tamén coa automoción, eido no que recaeu o premio da edición anterior.

Publicado o traballado galardoado en 2010

Ao abeiro desta terceira entrega de premio, presentouse tamén o volume A influencia do capital intelectual na capacidade de innovación das empresas do sector da automoción da Eurorrexión Galicia- Norte de Portugal que recolle o traballo galardoado na anterior edición. Elaborado polos profesores da Universidade de Vigo, Pedro Figueroa Dorrego e Carlos Mª Fernández-Jardón, e a investigadora lusa Helena Mª da Silva Santos Rodrigues, a obra recolle a influencia do capital intelectual na capacidade innovadora das empresas da automoción de Galicia e norte de Portugal, “e nel concluímos que as empresas que impulsan actitudes innovadoras e os incentivos á innovación en termos de capital intelectual e ademais fan colaboracións con clientes e participan en redes de colaboración, son máis innovadoras en produto e tamén en proceso”, subliñou no acto a investigadora.