DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realizado por estudantes de Publicidade e RRPP nun proxecto de aprendizaxe e servizo

Un traballo sobre os estereotipos asociados aos trastornos mentais supera as 80.000 reproducións en redes sociais

Trátase dun vídeo difundido a través de TikTok

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Saúde
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 29/06/2021

Máis de 89.000 reproducións e preto de 27.000 gústame acumula na rede social TikTok un vídeo realizado por cinco estudantes do Grao en Publicidade e Relacións Públicas que pon o foco nos estereotipos aos que teñen que facer fronte nas aulas os alumnos e alumnas que padecen autismo, dislexia ou trastorno por déficit de atención e hiperactividade (TDAH). Trátase dunha das pezas audiovisuais que Alba Des, Beatriz Barros, Patricia de la Orden, Marta Corbacho e Sergio Díaz realizaron como traballo académico no marco dun proxecto de aprendizaxe servizo (ApS) coordinado polo profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Alberto Dafonte e que contou ademais este curso coa colaboración da ONG Ecos do Sur, que proporcionou formación e asesoramento ao alumnado. O obxectivo desta actividade era que o alumnado crease unha serie de vídeos divulgativos que acheguen recomendacións fronte aos boatos e noticias falsas que se difunden a través da rede e que este grupo de estudantes decidiu centrar, explican, “nas neurodiverxencias e nos estereotipos que rodean ás persoas” que sofren algún trastorno mental.

“Non podíamos crelo. Foi algo inmediato, nun día xa chegara ás 10.000 visitas”, salienta Des da repercusión que tivo nesta rede social un vídeo no que buscaron reflectir “algúns dos estereotipos máis soados aos que se enfrontan todos os días os alumnos e alumnas” con autismo, dislexia ou TDAH. “A verdade é que estamos entusiasmadas de conseguir plasmar os sentimentos de tanta xente nun vídeo de tan curta duración”, engade.

Dislexia, TDAH, autismo, bipolaridade e esquizofrenia

No marco da materia Teoría e práctica da comunicación televisiva, Dafonte impulsou por segundo ano o proxecto de ApS Dixitais. Laboratorio cidadán para a competencia dixital e mediática, ao que se sumaron preto de 70 alumnos e alumnas, que ao longo do cuadrimestre realizaron, co asesoramento de Ecos do Sur, unha serie de vídeos divulgativos que podían centrar tanto en pautas xerais fronte a desinformación como nos seus efectos en colectivos concretos. No caso deste grupo, a temática escollida foi a da “neurodiverxencia, que en poucas palabras podería ser definida como a inclusión daquelas persoas nas que os seus cerebros teñen variacións no seu desenvolvemento”, explica Des. De feito, esta estudante sinala que ademais de ser “un dos primeiros temas que xurdiu” cando comezaron o traballo, a súa escolla viu tamén motivada polo feito de que entre as e os integrantes do grupo “hai persoas con diversidades funcionais que saben o que é vivir esas experiencias en carne propia”. 

“Todos os días podemos escoitar estereotipos que roldan ás persoas que sofren algún trastorno e máis ao propio trastorno en si, porque é máis sinxelo xulgar que entender”, subliña Des. Nese senso, no marco deste traballo académico tiveron que realizar unha serie de vídeos en formato vertical, pensados para plataformas como TikTok, cos que buscaron abordar “dunha forma básica e inmediata” algúns dos “estigmas” que rodean a “trastornos de aprendizaxe como a dislexia", ou o TDAH, “que algúns chegaron a cualificar como inexistente, e as persoas que o sofren padecen constantemente as consecuencias de telo”. Outro dos trastornos que abordaron é o autismo, “unha neurodiverxencia que aínda resulta un misterio e, sen embargo, moi estereotipada e mesmo romantizada nalgúns aspectos”, mentres que noutros vídeos de maior duración puxeron o foco tanto no trastorno bipolar como na esquizofrenia e no "gran risco de exclusión social” que afecta ás persoas que a padecen.

Unha experiencia enriquecedora, no persoal e no profesional

Como “unha experiencia enriquecedora no ámbito persoal e no profesional” define Ces unha iniciativa que lles deu a oportunidade de “traballar cunha entidade como Ecos do Sur, que loita pola xustiza social e a inclusión da maior parte da sociedade”. Tamén o profesor responsable deste proxecto recoñece como “moi positiva” a experiencia na que participaron 19 grupos de alumnos e alumnas, aos que ademais dos diferentes vídeos se lles solicitaba “unha valoración crítica das aprendizaxes extraídas, que maioritariamente foi moi positiva”. Nese senso, Dafonte sinala o interesante de que “ao mesmo tempo que están adquirindo competencias propias da materia, que teñen que ver coa gravación ou edición de vídeo, teñan que investigar sobre un tema que é positivo para o seu desenvolvemento como cidadáns”, como é neste caso a problemática da desinformación.

De feito, recoñece Dafonte, a saúde mental foi este curso un dos aspectos abordados por un maior número de grupos no marco dunha actividade na que as e os participantes recibiron sesións formativas complementarias por parte de Ecos do Sur, que prestou tamén asesoramento aos diferentes grupos. “A verdade é que foi todo moi fluído”, recoñece o profesor responsable dunn proxecto que non implicaba a publicación na rede dos traballos finais, algo polo que optaron, non obstante, a maioría das e os participantes, o que supuxo tamén “unha experiencia real, na que se enfrontan ao feedback que lles poida dar a sociedade”.