DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Polbo, gaiteiros, xogos e concertos, pratos fortes da celebración

Tradición e novas tecnoloxías van da man na celebración do San Vicente 2008

Na Facultade e na Praza Miralles

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría DUVI 23/04/2008

Quen dixo que a WII era incompatible coa música das gaitas ou o polbo coa Play Station 2? Por se alguén alberga algún tipo de dúbida da viabilidade destas combinacións pode facer a proba este venres ao fío da celebración do San Vicente Ferrer, patrón da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.
Áinda que xa este xoves comezarán en varias aulas do centro os campionatos de xogos de WII e Play Station 2, o día grande da celebración será o venres, cun completo programa de actividades que abarcarán da mañá á noite.
“Este ano agardamos a participación de moitos estudantes” apunta o responsable da organización Niko Rey que lembra que o ano pasado o mal tempo desanimou á xente a tomar parte nas celebracións.

Completo programa de actividades

O venres a festa comezará ao mediodía na facultade onde a música das gaitas e unha polbeira profesional, encargaranse de darlle o sabor máis tradicional á festa, pensada polo menos nesta primeira parte para estudantes, pero tamén para profesores.
Durante a mañá continuarán nas aulas do centro os campionatos de WII e Play Statión que este ano, como apunta Niko Rey “substitúen ao tute que foi o protagonista en anteriores edicións da festa”.
A partir das 14.00 horas as celebracións trasládanse á carpa instalada na Praza Miralles na que os asistentes poderán disfrutar da música dos grupos Dreams of Dolly shepp, 6X1 e Alvaro Costas & Hot Band, e participar nos campionatos de aguante no touro mecánico e de pulso.
Xa pola noite a festa seguirá no barrio de Churruca en Vigo nos pubs MODO e Albedrío.