DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O anglosaxonista da Universidade, Jorge L. Bueno acadou o galardón coa súa versión de "Beowulf"

Unha tradución ao galego gaña por primeira vez o premio da Asociación Española de Estudios Anglo-Norteamericanos

AEDEAN nunca premiara unha tradución nunha lingua do estado que non fose o español

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 02/12/2011
Tiveron que transcorrer 25 anos, o cuarto de século que ten de existencia o galardón, para que a Asociación Española de Estudios Anglo-Norteamericanos (AEDEAN) optase por conceder o Premio Nacional a la Mejor Traducción 2011 a unha obra escrita nunha lingua do estado distinta do español. A que é a segunda asociación de estudos ingleses en número de socios de Europa e a que está considerada como o foro investigador por excelencia dos estudos ingleses en España, nunca outorgara o seu premio nacional a unha tradución nunha lingua que non fose o español, unha liña que agora vén de quebrarse coa concesión do galardón á versión galega do clásico da literatura medieval inglesa Beowulf, realizada polo profesor do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá da Universidade de Vigo e especialista en literatura medieval, Jorge Luís Bueno. “É unha ledicia inesperada”, asegura Bueno que recoñece a dificultade de gañar un premio “o que optan traducións a todas as linguas co-oficiais do estado e no que unha tradución ao galego dun clásico da idade media partía con certa desvantaxe”.

Con 25 edicións celebradas e un alcance que non ten comparación en España, o premio da Asociación Española de Estudios Anglo-Americanos ten a finalidade de promover a tradución e estimular a tradutores e tradutoras que sen ser profesionais realizasen unha obra de certa envergadura, caracterizada pola seriedade, o rigor científico e a calidade literaria. Requisitos que o xurado do premio recoñeceu na tradución realizada por Bueno que se decidiu a presentarse ao galardón por ser “un dos poucos que existen no noso ámbito científico. Ademais era unha obriga, digamos moral, presentarse aínda que sempre fun consciente de que era moi difícil gañalo”.

Recoñecemento para o galego, tamén como lingua á que traducir

Desde a posta en marcha do Premio Nacional a la Mejor Traducción hai 25 anos, foi preciso que transcorreran varias edicións e un intenso debate no seo da asociación para que as linguas co-oficiais do estado se engadiran ao castelán que inicialmente era a única contemplada no galardón. Habida conta de que a cantidade de obras traducidas do inglés ao castelán e moi elevado e de que a estas hai que sumar as presentadas nas restantes linguas co-oficiais do estado, Jorge L. Bueno aclara que “por iso o premio ten moito valor. Sempre pensei que sería unha tradución ao catalán a primeira que gañaría o premio, por iso que a primeira lingua co-oficial gañadora sexa o galego e un clásico traducido do inglés antigo, éncheme de orgullo”.

Para o profesor do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá o galardón, ao que concorreron nesta edición obras publicadas nos anos 2010 e 2011, anímalle a continuar traballando nesta liña posto que “no meu labor docente e investigador sempre entendín a tradución coma unha forma de transferir coñecemento á sociedade, de contribuír a darlle visibilidade ós textos medievais que son fundamento da nosa cultura”, explica Bueno que engade que esta idea sempre formou parte da súa “filosofía traductolóxica”.

Catro anos de traballo co texto orixinal do manuscrito do século XI

Tiveron que transcorrer máis de dez séculos para que Beowulf, considerada como unha obra fundamental da poesía épica inglesa, contase coa primeira tradución aliterativa á lingua galega na que se manteñen aspectos da composición orixinal como a estrutura rítmica, os patróns de frases fixas que aplican epítetos tradicionais aos diversos tipos de personaxes ou os chamados kenningar, compostos metafóricos que nomean conceptos por medio de expresións figurativas, como por exemplo, vieiro da balea para nomear ao mar.

Traballando só co texto orixinal do manuscrito do século XI escrito en anglosaxón ou inglés antigo, no que a través de 3000 versos se narran os feitos do príncipe escandinavo Beowulf, Bueno investiu catro anos en finalizar unha tradución que se suma ás que ten realizado de textos medievais ingleses, así como de poetas do renacemento inglés como Thomas Wyatt e Philip Sidney e de autores contemporáneos como o Nobel de literatura Derek Walcott. A tradución ao galego de Beowulf foi publicada hai un ano na colección de clásicos literarios universais Vétera de Rinoceronte Editora.