DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O vindeiro mércores, ás 19.30 horas, na Ciencias Sociais e da Comunicación

Unha tradución do euskera, poesía social e un relato sobre a toma de decisións, galardoados ao fío das Letras Galegas

Isaac Xubín, Anxo Manuel Rodríguez e Raquel Fernández recibirán os premios

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Camino Carballeira DUVI 18/05/2009

A promoción da creación en lingua galega é o obxectivo dos Premios de tradución, poesía e relato curto que a Área de Normalización Lingüística, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca cada ano e precisamente por iso o acto institucional da Universidade ao fío das Letras Galegas é o mellor marco para a súa entrega. No seu paso polos tres campus este ano o acto celebrarase no de Pontevedra, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación o vindeiro mércores, ás 19.30 horas. O evento contará coa presenza dos vicerreitores de campus, Jesús Hernández, e de Relacións Institucionais, Iván Area.
A tradución dun texto vasco, un poema de carácter social e unha reflexión sobre a toma de decisións son os galardoados co primeiro premio en cada unha das modalidades e serán recoñecidas como tal con 700 euros de premio. Ademais, cada categoría contempla dous accésit de 250 euros cada unha.
A de Isaac Xubín é a primeira tradución euskera-galego que leva este premio. Trátase dunha selección de fragmentos “os máis anecdóticos e aptos para un público xeral” de Gero (Despois), unha obra do século XVI que o sacerdote Pedro de Axular, da parroquia de Sara, elaborou no contexto da contrarreforma, para loitar contra o protestantismo no Reino de Navarra. Xubín, estudante de terceiro ciclo e licenciado en filoloxía galega, explica que “hai poucas cousas traducidas ao galego desde o euskera e por iso escollín este libro, porque é un modelo”. Ademais da ledicia lóxica pola consecución do primeiro premio, Xubín destaca a súa importancia porque “o circuíto dos certames de tradución en Galicia é moi reducido”. María Mediero Mayán, pola tradución de As voces de dentro, foi galardoada cun accésit.

Poesía social e unha moeda ao aire

Baiona, a perda desta vila “no sentido da lingua, da desfeita pola construción urbanística” centran os versos do poema galardoado co primeiro premio, Tal vez o infortunio, escrito por Anxo Manuel Rodríguez Ratel. A peza partiu da necesidade “de espertar as conciencias dos veciños e amosarlles que si se fan cousas” como as accións en defensa do parque da Palma, explica. Para Rodríguez a do mércores será a segunda ocasión na que recolla o premio xa que o ano pasado, cunha poesía “máis intimista, de tono amoroso”, quedou en segundo lugar do certame. Os dous accésits da categoría foron para dous poemarios de Xosé Daniel Costas Currás, Le petit canteiro e Versos alineados á esquerda con espazos e silenzos.
Pola súa parte, Raquel Fernández, autora de A sorte está de cara e estudante de cuarto de Economía, presenta no seu relato unha reflexión sobre “a toma de decisións” e o feito de que “non se poden tomar en base a variables aleatorias, como a sorte”. A súa con esta convocatoria de premios, era una “materia pendente” xa que pensara en presentarse algúns anos atrás aínda que finalmente non o fixera. Juan Antonio Martín Pernas, co texto A burra de ouro e Alberto Comesaña Campos, con Quérote, foron distinguidos cos dous accésits.

Actuacións de Tino Baz

O acto estará amenizado cunha actuación de Tino Baz, o cantautor guardés, afincando agora en Nova York que actuará por espazo duns 20 minutos. Entre o seu repertorio, Baz ten feito musicacións de poetas como Manuel María, Celso Emilio Ferreiro, Xavier Seoane, Marica Campo, Bernardino Graña, Xosé Carlos Gomez Alfaro, Manolo Pipas, Francisco Álvarez Koki, ou mesmo de veciños seus que atopan na poesía unha boa canle de expresión.