DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Actividades do Mestrado Universitario en Estudos Ingleses Avanzados

A tradución loita por saír da sombra

O catedrático islandés Astradur Eysteinsson explica como estes profesionais deixan a súa pegada na c

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Noemí Rey DUVI 18/05/2011

É unha disciplina cada vez máis forte, que gaña pulo nas facultades e nas altas instancias políticas grazas á Unión Europea, sobre todo para unha interpretación simultánea. Sen embargo, a tradución no ámbito literario convértese en toda unha loita por un recoñecemento que non é tan doado de acadar. “Os tradutores probablemente non estean ben valorados, aínda que con matices. Os que se dedican a aspectos máis prácticos, os que exercen dentro da Unión Europea ou dentro dalgunha institución, son moi apreciados. En literatura isto é máis complicado, obter o recoñecemento é moito máis complexo”, recoñece Astradur Eysteinsson, catedrático de Estudos Culturais e decano da Facultade de Humanidades de Islandia, que durante esta semana percorrerá a Universidade de Vigo para participar nunha conferencia organizada pola Facultade de Filoloxía e Tradución e polo grupo de investigación de Tradución e Paratradución e nun seminario do Mestrado Universitario en Estudos Ingleses Avanzados.

Esa necesidade de tradución aumenta coa expansión de Europa e a colaboración entre países fai que haxa un recoñecemento cada vez maior do campo de estudo desta disciplina. O fallo chega cando esa tradución se traslada ao mundo dos libros: a pesar de ser un “dos piares fundamentais” da literatura, o profesional vólvese en moitos casos invisible aos ollos dos demais, unha invisibilidade que moitas veces é reivindicada polo propio tradutor. Aí reside “o problema”. “O feito de dicir que ben se le este texto que se parece ao orixinal xa indica o pouco valor que se lle concede á figura do tradutor ou incluso á necesidade de que permaneza discretamente nun segundo plano”, subliña Eysteinsson.

As pegadas da tradución

Esa invisibilidade que algúns autores reclaman vai en contra das “improntas que a tradución deixa na cultura literaria, algunhas máis visibles, outra máis ocultas”. Son pegadas moitas veces invisibilizadas dende perspectivas máis tradicionais da historia literaria pero ás que os expertos deben achegarse dende distintas perspectivas de análise para intentar recuperalas. Para explicalo, Eysteinsson emprega referencias centradas en Islandia, como a función desempeñada por escritores como Dickens, Hemingway, Joyce ou mesmo Lorca, ou na autoridade de tradutores importantes, que moitas veces tamén eran escritores relevantes e cunha obra que a historia literaria non conseguiu borrar. “Non existe nin un único xeito de traducir nin un único tradutor. Co tempo e a experiencia dinme conta de que as posibilidades son infinitas e aprendín a apreciar dende as traducións máis intervencionistas ou radicais ata ás máis conservadoras, ás máis literarias”, explicou o catedrático.

Eysteinsson será o encargado de ofrecer o vindeiro relatorio do seminario internacional do Mestrado Universitario en Estudos Ingleses Avanzados. Mañá, ás 16.00 horas, o islandés falará sobre The Cultural Reconstruction of Places na Facultade de Filoloxía e Tradución. Tras el, será a quenda de Smaro Kamboureli, da universidade canadiense de Guelph, que xa en xuño explicará a Diaspora and Globalization: Intersections and Disjunctions.