DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mesa redonda ‘A tradución de teatro, toda unha ciencia’

O tradutor pode ser o mellor xerador de produción teatral

Quico Cadaval, Evaristo Calvo e Pepe Sendón contaron as súas experiencias

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Noemí Rey DUVI 06/11/2012
En tempos de crise abrir novas vías de negocio é unha prioridade. E a tradución non escapa a esa realidade. “Ser intérprete non ten que ser unha necesariamente un traballo de encargo, senón que pode ser en si mesmo un xerador de produción teatral”, como explicou Evaristo Calvo durante a súa intervención na mesa redonda ‘A tradución de teatro, toda unha ciencia’ celebrada na Facultade de Filoloxía e Tradución e encadrada no proxecto 'Elaboración de material didáctico baseado en textos teatrais con contido científico'. O actor aclarou que a compra de dereitos de tradución de obras que funcionan ben noutros países é unha alternativa que non considera moita xente e que pode axudar a crear autoemprego e “pontes entre o autor e o espectador”, xa que “o traballo dos intérpretes é imprescindible nun mundo que coexisten centos de linguas”.

O acto, moderado pola profesora Lara Domínguez, serviu para desvelar aos presentes a arte de trasladar ao galego obras escritas noutras linguas e entender “como funciona un mundo totalmente alleo para nós”. Para ter distintos puntos de vista sobre a mesa, Calvo estivo acompañado polo director Quico Cadaval e polo tradutor Pepe Sendón, que explicaron o que implica para eles ter que trasladar ao escenario obras noutras linguas. “Nunha tradución versificada polo menos tes límites cos que guiarte, o teu traballo está escravizada pola música e a métrica. Aínda así traducir unha poesía é sempre un proceso imposible, o máis que podes facer é recreala”, recorda Sendón.

O director, o que marca o camiño

No caso do teatro, o director é o que leva a batuta, xa que dependendo do estilo que lle queira imprimir á obra, da localización ou da época o intérprete terá que empregar un vocabulario distinto. E non é un traballo doado. “Traducir teatro ten un dobre fío: por un lado tes que poñerte diante de algo que parece imposible, como trasladar un texto inglés barroco como pode ser o de Shakespeare a un galego do século XX, pero á vez o texto ten un carácter máis funcional, o que libera ao tradutor de moitos desacougos e dúbidas”, subliña.

Precisamente un dos maiores problemas é cando o tradutor se enfronta a un texto que non é realista, senón que retoma escenarios como os das obras do dramaturgo inglés. O primeiro obstáculo que se atopan para a adaptación dos guións é que os diálogos “teñen que resultarlles tan estraños como aos ingleses, con tropos e xogos de palabras”, recordou Quico Cadaval. O segundo é a “captación sincrónica do sentido, porque o espectador non ten nota de rodapé nin pode volver atrás”. Para solucionalo, nada mellor que mirar para casa: en ‘Noite de Reis’ o director fixo que o texto soase anticuado pero galego botando man da cadencia rosaliana.