DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Afondou nos fluxos de traballo e no panorama xeral da edición deste tipo de volumes

A tradutora Iolanda M. Creo achega o funcionamento do sector do libro de texto ao alumnado da FFT

Centrouse, en especial, na tradución destes materiais cara ao galego

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Académica
M. Del Río DUVI 26/04/2022

As editoriais de libros de texto facturaron no cursos 2020-2021 765,47 millóns de euros un 6,6% menos que el anterior segundo se recolle no informe El libro y contenidos educativos en España, elaborado pola Asociación Nacional de Editores de Libros y Material de Enseñanza, Anele. Esta entidade atribúe este descenso á incerteza do curso pasado que condicionou “decisións como a renovación dos libros de aqueles cursos que xa tiñan cumprido o período de vixencia”. 
É precisamente este proceso de renovación periódica dos libros, ben derivado de cambios lexislativos, cambios nos contidos ou mesmo decisións dos centros ou persoal docente, é unha das claves deste sector. Para achegar o funcionamento deste tipo de editoriais ao seu alumnado, a Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade acolleu este martes un seminario impartido pola tradutora Iolanda Mato Creo, que conta cunha ampla experiencia no sector, tanto no eido da tradución como no da edición.

A actividade, dividida en dúas sesións, unha ás 09.00 h e outra ás 13.30 h, está organizada por Bitraga, Biblioteca da Tradución Galega e Bifega, Grupo de Investigación en Estudos Literarios e Culturais, Tradución e Interpretación, en colaboración co Programa de Doutoramento en Tradución e Paratradución. A convidada explicou dende a súa experiencia persoal “as dinámicas, os prazos, os sectores envolvidos na edición de libro de texto, en particular na tradución destes materiais cara ao galego”. Tamén fixo un percorrido polo “panorama das dependencias do sector na Galiza das grandes editoras xeralmente localizadas en Madrid e o motor económico que este xénero supón para o mundo da edición”.

Mato Creo explicou que os libros de texto teñen que cumprir un currículo que elaboran as comunidades autónomas e lembrou, citando un artigo de Fernández Palop e Caballero García,  que “as leis educativas en España pasaron de prescribir os libros que se deben empregar na aula, previa autorización expresa ás editoriais, á confección do currículo por parte do profesor de acordo a unhas pautas determinadas polas administracións educativas, neste caso as comunidades autónomas, e a unha revisión a posteriori dos materiais producidos polas editoriais”. Deste xeito, continúa o artigo, “na práctica, non é o profesor o que deseña o currículo, senón que deixa esta tarefa á editoriais, de cuxa concreción curricular se serven para exercer o seu labor na aula. A pesar das reformas educativas dos últimos anos esta práctica segue a ser xeneralizada, e supedita a metodoloxía de ensinanza á actividade comercial”.

A este respecto, a tradutora engade que “efectivamente, o sector editorial do libro de texto é un motor económico potente, sobre todo en épocas de cambios na lexislación educativa, que é cando se producen máis modificación nos currículos e nos contidos dos libros”.

Galicia, dependente de Madrid

Iolanda Mato Creo rematou a carreira en 2007 na facultade na que hoxe impartiu o relatorio, e na que tamén cursou u mestrado en edición. En 2011 comezou a traballar en editoriais, sobre todo en labores de corrección, tradución e edición de libro de texto, principalmente en galego. Sobre o sector, explica que en Galicia non se elaboran libros de texto, “tan só os de lingua e literatura galga”, aínda que antes mesmo eses volumes viñan tamén de Madrid e se traducían aquí ao galego.

Deste xeito, as editoriais encargan a redacción dos diferentes temas do libro de texto a autores, normalmente, profesores, despois pasan unha criba na editorial e unha aceptados eses contidos, se comproba que se adecúen ao currículo actual e é entón cando pasan ao proceso de edición. Canso de trata de materias que se imparten en galego, as editoriais nacionais subcontratan editoras galegas para, despois de elaborados, traducir os contidos ao galego. 

Na súa intervención, a tradutora tamén lles amosou ás e aos estudantes algúns casos prácticos reais de fragmentos de relatos de literatura infantil e xuvenil a través dos que puideron coñecer “as problemáticas ás que se poden enfrontar neste campo e discutir entre todas as posibles solución”.