DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade porá en marcha un Servizo de Tradución e Interpretación

Tradutores e intérpretes buscan o seu oco no mercado laboral

A través dun foro entre estudantes, titulados e profesionais do sector

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 27/09/2011
Médicos, avogados, científicos ou políticos, son moitas as profesións que verían como o seu desenvolvemento profesional se complicaría sen non contasen coas achegas de tradutores e interpretes. Pero esta profesión aínda non acadou o recoñecemento que lle é propio a pesar de que son as súas voces e os seus textos os que dan difusión ao traballo de outros moitos. Esta reivindicación é o xermolo do Día Internacional da Tradución que se celebra este venres 30 de setembro e, ao abeiro do cal, a Facultade de Filoloxía e Tradución acolle ao longo desta semana o I Foro Tradución-Interpretación e Emprego. Con esta iniciativa téntase tanto poñer en valor a profesión como establecer un contacto entre os titulados e o tecido empresarial do sector.

Ao estilo das exitosas feiras profesionais das universidades británicas e co referente do Foro Tecnolóxico de Emprego que celebra a Universidade de Vigo, ata o venres profesionais e autónomos da tradución e a interpretación amosarán ao alumnado as diferentes saídas laborais que lles brinda o futuro ao tempo que aprenderán a enfrontarse a entrevistas de traballo e a redactar currículos.

Unha ponte co tecido empresarial

O obxectivo principal deste foro é estreitar lazos entre alumnado e profesionais e para iso desenvólvense conferencias e presentacións nas cales as empresas participantes dan a coñecer a súa estrutura, modo de traballo, liñas de mercado, I+D+i e produtos. Paralelamente celebraranse mesas redondas sobre tradución infantil e xuvenil e audiovisual, coffee breaks e workshops e as propias empresas recollerán o currículo do alumnado de últimos cursos nos stands situados no centro, axilizando os procesos de selección. Dáse así tamén a oportunidade aos profesionais de establecer contacto con outras empresas do sector, abrindo novas vías de relación e comunicación entre eles.

Neste sentido, Luis A. Bacigalupe, director do Departamento de Tradución e Lingüística, lembrou o lema deste Día Internacional da Tradución, Ponte entre culturas, e incidiu en que esta ponte cultural pode tamén unir Universidade e mercado laboral, “unha conexión eficaz e directa entre titulados e empresas”, aspecto no que coincidiron a decana da facultade, Rosa López e o vicerreitor de Transferencia do Coñecemento, José Antonio Vilán.

Dignificando a profesión

A profesora Liliana Valado, organizadora do evento xunto cos docentes Ana Luna, Neal Baxter e Xoán Montero, explicaba na inauguración que “nada é o que parece” e que un texto literario non é só unha novela, é tamén unha tradución, “igual que o é un libro de texto ou unha conferencia”. Por iso é preciso visibilizar o traballo de tradutores e intérpretes, para que tamén así as novas xeracións de profesionais saiban cara onde encarar os seus esforzos na procura de emprego. Apuntaba Valado ao inconveniente de carecer dun colexio profesional que permita regular unha profesión na que a maior parte dos traballadores son autónomos, pero incidía en que as novas xeracións con titulación universitaria específica “enriquecen e nutren” un mercado que ata o de agora se limitaba principalmente a escritores que compaxinaban a literatura coa tradución. Ao seu parecer, a paulatina incorporación das novas promocións permitirá seguir dignificando a profesión, con tradutores e intérpretes a tempo completo e cualificados.

Un Servizo de Tradución e Interpretación que agroma

A finais deste curso a Universidade porá en marcha un Servizo de Tradución e Interpretación, pioneiro nas universidades galegas, segundo avanzou neste Foro o vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel José Fernández Iglesias. Esta nova oficina, aínda que nacerá vinculada ao Centro Linguas, pasará a depender da Vicerreitoría de Transferencia do Coñecemento, xa que “ademais de axudar na inserción laboral dos titulados, será unha ferramenta básica para facilitar a transferencia de coñecemento á sociedade”. Deste xeito dáse resposta a unha demanda da comunidade universitaria para poder traducir textos e traballos de investigación, documentos oficiais e contar con intérpretes nunha Universidade cada vez máis internacionalizada. A idea é que dea servizo á comunidade universitaria, pero o vicerreitor adiantou que se agarda poder estendelo ás outras dúas universidades galegas, xa que Vigo é a única que conta coa titulación de Tradución e Interpretación. O servizo nutrirase dunha bolsa de profesionais freelance pero dará acubillo tamén ao estudantado no seu primeiro achegamento ao mercado laboral. A oficina autofinanciarase coas tarifas dos traballos sempre baixo unha premisa de calidade e da man da facultade e do Departamento de Tradución e Lingüística.

Programa do foro (264.41 kb)