DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha vintena de investigadores da Universidade participan nun curso impartido por Elena Castro

A transferencia tamén é cousa das humanidades e as artes

Nas sesións os e as asistentes adquirirán coñecementos de innovación e transferencia

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 08/04/2015

A innovación e a transferencia non son patrimonio dos ámbitos científico e tecnolóxico e máis aló do que se poida pensar e mesmo percibir, as humanidades e as artes tamén son parte destes procesos. Pero que e como deben facer os investigadores e investigadoras destes ámbitos para contribuír cos seus coñecementos á actividade económica ou á innovación social? Elena Castro investigadora do Instituto de Gestión de la Innovación y del Conocimiento, Ingenio (CSIC e Universitat Politècnica de Valencia) coñece ben as claves dun proceso sobre o que ten desenvolvido proxectos centrados nas relacións entre universidades e empresas en materia de innovación no ámbito das humanidades e ciencias sociais e da innovación social e cultural. Hoxe e mañá esta doutora en Química Industrial está a impartir un curso a unha vintena de investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo co obxectivo de proporcionarlles coñecementos básicos sobre innovación e transferencia de coñecemento, ademais de fomentar a reflexión sobre como poden ser parte activa destes procesos, que teñen a súa orixe nun traballo de investigación que require, segundo Castro, de “paixón”.

Coorganizado pola Vicerreitoría de Organización Académica e Profesorado e pola Oficina de Transferencia de Resultados da Investigación, Otri, no curso participan membros dos departamentos de Filoloxía Galega e Latina; Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá; Historia, Arte e Xeografía; Escultura; Pintura; Literatura Española e Teoría da Literatura; Tradución e Lingüística; Didácticas Especiais; Organización de Empresas e Mercadotecnia e Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio. Unha vintena de persoas ás que a directora da Otri, Ángeles López, agradeceu a súa presenza nesta iniciativa, que asegurou “tiñamos moitas ganas de desenvolver aquí na casa e eu de xeito particular como filóloga e xurista, aínda que levo 21 anos traballando en transferencia de tecnoloxía”.

Comunicar, transmitir e transferir

Convencida do valor intrínseco das humanidades manifestouse Elena Castro no inicio da súa intervención, na que fixo referencia á presión que por parte de administracións e organismos como a OCDE están a sufrir os e as investigadoras para que se impliquen nos procesos de transferencia de coñecemento. “Un científico ten que comunicar o que fai para así poñer os seus ladrillos para que medre a casa do coñecemento”, asegurou Castro, para quen a actividade divulgación está no ADN das humanidades, deixando claro as diferenzas de estratexias que se empregan neste ámbito respecto do científico.

Tras incidir na importancia da transferencia para contribuír, por unha banda á actividade económica e, pola outra, para realizar achegas aos procesos de innovación social, a poñente centrouse en diferenciar a transmisión e a transferencia no contexto das humanidades. Así, no caso da transmisión “trátase de trasladar coñecementos, de facer chegar unha mensaxe, mentres que no da transferencia cédese a outra persoa o dereito, dominio ou atribución que se ten sobre algo”, para o que cómpre adaptar a mensaxe ao receptor e esforzarse para que o destinatario poda usar ese coñecemento. Especialmente importante resultan os procesos de transferencia a empresas e administracións para que estas desenvolvan o seu labor, como ocorre no caso do deseño dun plan de acollida de inmigrantes, que precisa dos coñecementos de expertos en ámbitos sociais e humanísticos á hora de fixar, por exemplo, o número ou características dos e das tradutoras que participarán nese plan.

Todo comeza na investigación

Na primeira parte das dúas sesión que ofrecerá na Universidade de Vigo, Elena Castro explicou as diferenzas operativas entre os ámbitos científicos e tecnolóxicos e o humanístico no caso dos dereitos de propiedade industrial e de propiedade intelectual, así como o esixencia de exclusividade que se produce en ciencia e que non existe no ámbito das humanidades, para a continuación centrarse no proceso de xeración do coñecemento. Máis aló da tradicional división entre investigación básica e aplicada, Castro debullou a proposta de Donald E.Stokes que diferenza entre investigación básica pura (cuadrante Bohr), investigación aplicada pura (cuadrante Edison), investigación básica inspirada no uso (cuadrante Pasteur) e un cuadrante sen nome cunha actividade investigación que non ten utilidade particular, nin está orientada ao entendemento fundamental.

Non faltaron as reivindicacións na exposición da investigadora, que demandou instrumentos de financiamento adaptados a ámbitos diferentes ao científico, nin tampouco exemplos de iniciativas innovadoras lonxe dos ámbitos tradicionais da ciencia e a tecnoloxía, como os bancos de tempo, así como de procesos de innovación, tal é o caso do desenvolvido nos últimos anos pola Agencia Tributaria co obxectivo de facilitar a realización da declaración da renda. “Pénsase que a innovación vén das ciencias experimentais (láser, biotecnoloxía…), pero en moitos casos non procede da ciencia (Facebook) ou chegan desde outros ámbitos como o deseño ou a loxística (IKEA)”, dixo Castro, que citou o concepto de patrimonio inmaterial e industrial ou as novas propostas que se están a realizar no ámbito da restauración como exemplos de innovación en humanidades.