DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O investigador da Universidade Félix Caballero afonda nos ‘pés’ que publicou o autor nos anos 70

A transición española dende o lapis retranqueiro de Xaquín Marín

Este estudo pioneiro trata de pór en valor o humor gráfico, un xénero xornalístico “ás veces infrava

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 27/06/2012

Co obxectivo de ampliar os estudos académicos sobre o humor gráfico galego, o investigador da Universidade de Vigo, Félix Caballero, acaba de rematar o seu traballo final do Máster de Investigación en Comunicación sobre as viñetas dos anos 70 de Xaquín Marín, “un dos humoristas gráficos españois, xa non só galegos, máis importantes das últimas décadas”. Cabellero afonda na visión lúcida e irónica do autor sobre a época da transición española coa publicación dunhas viñetas coñecidas como 'os pés', nas que un gran pé nu esmaga a un grupo de xente. Trátase dun estudo que ninguén antes abordara “e que se debería ampliar porque é unha estrutura que seguiu a facer despois polo seu valor atemporal e universal”, explica o propio investigador.

Félix Caballero decantouse por esta liña de estudo xa que considera que o humor gráfico é un xénero xornalístico de opinión “especialmente interesante pola súa mestura de desenfado formal e profundidade crítica e que, en ocasións, está infravalorado”, sinala, de aí que a viñeta galega non estea estudada o suficiente “e os que hai están centrados na figura de Castelao e de humoristas da súa xeración, non recibindo tanta atención os que exerceron o seu labor despois da guerra”. Para contrarrestar esta tendencia, Caballero escolleu a figura de Xaquín Marín, que xunto con outros autores, “anovaron claramente o humor gráfico galego e, agora que todos se achegan aos 70 anos de vida, coido que é o momento de estudar as súas achegas”.

Crítica á sociedade do momento

Este investigador da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación céntrase nun aspecto parcial da obra de Xaquín Marín, nos 'pés' que publicou nos anos 70 “a través dos cales tamén se descobre a ollada do autor sobre a transición”. O experto apunta que estas viñetas reflicten as tensións do momento “entre a liberdade agardada e o mantemento da represión”, recollendo aspectos como a censura ou o aperturismo e acontecementos como as primeiras eleccións democráticas de 1977. Non obstante, Xaquín Marín botaba man da ironía e do humor para facer unha crítica á sociedade da época “criticando tanto aos esmagadores, representado no poder que non deixa de calcar o pé, como aos esmagados, que no canto de se rebelar, limítanse a tentar seguir facendo a súa vida da maneira menos traumática posible”, explica Caballero, que destaca que esta forma de ver á sociedade “ten un valor universal, podéndose aplicar a moitos países e épocas”.

Ao longo do seu estudo, Caballero tamén resalta a existencia do Museo do Humor de Fene, fundado polo propio Marín en 1984 e único en España. “Este museo semella máis importante do que pode parecer xa que, ademais de ter orixinais dalgúns dos máis grandes humoristas gráficos españois e internacionais, axuda a recuperar o prestixio deste xénero en Galicia”, conclúe.