DUVI

Diario da Universidade de Vigo

CC Sociais e da Comunicación acolleu a mesa redonda 'Transparencia e innovación na contratación públ

A transparencia como principio reitor dun novo modelo de administración pública

A contratación pública supón o 18,5% do PIB de España

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 03/12/2013

O concepto de transparencia como principio reitor dunha administración e coma factor decisivo para a consecución dun “mellor goberno” e unha “mellor utilización dos recursos públicos” nun ámbito “lamentablemente vinculado” coa corrupción como é a contratación pública –como recoñeceu a profesora de Dereito Administrativo da Universidade de Vigo Patricia Valcárcel Fernández–, centrou este martes boa parte do debate da mesa redonda Transparencia e innovación na contratación pública, que tivo lugar na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.

Para abordar, na que foi a sexta edición do Seminario Internacional sobre Contratación Pública, un concepto que pode ser interpretado desde "múltiples perspectivas", o acto coordinado polos profesores de Dereito Administrativo da Universidade de Vigo Patricia Valcárcel e Rafael Fernández Acevedo contou coas intervencións de Marta Oller Rubert; profesora de Dereito Administrativo da Universidade Jaume I; José Carlos Castiñeira Piñeiro, secretario do Concello de Pontevedra; Isabel Celeste Fonseca; profesora de Dereito na Universidade de Minho; Pablo Montero Carrera, xefe do servizo de Contratación da Deputación de Pontevedra; e Carlos Pérez Ramos, avogado do despacho Clems.

A magnitude da contratación pública

“A contratación pública é un dos sectores onde máis supostos de corrupción e prácticas clientelares se teñen dado”, apuntou na súa intervención Castiñeira Piñeiro, quen incidiu en que a contratación pública supón o 18,5% do Produto Interior Bruto (PIB) de España e o 19% no conxunto da Unión Europea. De aí, e dado que non existe outro sector económico da súa magnitude, a importancia, destacaron os participantes na mesa,, de avanzar nos procesos de transparencia no ámbito de contratación, de tal xeito que esta contribúa a existencia dun “mercado único” a nivel europeo.

A consecución deste “mercado único”, no que optarían aos contratos públicos empresas de diferentes procedencias, sen que se visen favorecidos nas licitacións as empresas locais, traería consigo, na opinión de varios dos relatores, unha maior eficiencia da administración e eficacia na xestión dos fondos públicos, que virían motivadas polo incremento da competencia nos procesos de contratación.

Máis publicidade, máis control

Patricia Valcárcel, encargada de moderar este debate, salientou a contribución que as novas tecnoloxías teñen suposto para o aumento da transparencia no ámbito da contratación por parte das administracións. Por iso, xunto coas modificacións lexislativas como a recentemente aprobada Lei de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, nesta mesa redonda abordouse tamén o avance na implantación de procesos de licitación electrónica, como os postos en marcha en Portugal, sobre os que disertou a profesora Isabel Celeste Fonseca.

“A maior publicidade, máis control e menos corrupción”, engadiu a Marta Oller, que centrou a súa intervención nos avances e eivas do perfil do contratante, unha ferramenta posta en marcha no ano 2007 e coa que se produciu, ao seu xuízo, un significativo avance na procura da transparencia.

De feito, hai quen ve neste concepto un primeiro chanzo para un “novo tipo de administración”, como recoñeceu Pablo Montero, quen incidiu na transparencia como un vector necesario para a consecución dun “goberno aberto”, no que a cidadanía non só dispoña de información coa que avaliar a xestión dos responsables públicos, senón tamén da posibilidade de “intervir” nesta a través de “liñas de colaboración” entre administración e cidadáns.

Mais, a xuízo destes expertos, a solución non unicamente pasa porque as novas tecnoloxías fagan accesible á información. “Publicidade é aquilo que a xente pode coñecer e coñece”, como salientou Castiñeira Piñeiro. De aí, que neste encontro tamén se chegase a poñer sobre a mesa cuestións como a necesidade dun cambio educativo e cultural.