DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Durante a presentación do libro 'La ilustración gráfica en Galicia 1880-1936'

Trapiello e Bonet poñen en maiúsculas a ilustración de vangarda galega

A publicación foi realizada polo grupo de investigación AH2 da Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Ourense
Rosa Tedín DUVI 06/10/2011
“En letras diferentes as palabras din cousas diferentes. Cada tipografía lévanos da man a unha época, a uns sentimentos ou a unhas xeografías concretas”. Deste xeito, o escritor Andrés Trapiello salientaba, xunto ao tamén escritor Juan Manuel Bonet, a importancia da tipografía e a relevancia de facer memoria dela no libro La ilustración gráfica en Galicia 1880-1936. Como referentes neste eido e en vangarda artística, os dous autores foron convidados a presentar este xoves esta publicación galega, realizada polo grupo de investigación AH2 do Departamento de Arte, Historia e Xeografía da Universidade de Vigo.

A catedrática María Victoria Carballo-Calero, coordinadora de La ilustración gráfica en Galicia 1880-1936 xunto a Jorge Varela, quixo destacar que as publicacións de Trapiello e Bonet “foron guías e unha inspiración” para o traballo de investigación que culmina agora con este libro, onde se realiza un exhaustivo inventario dos fondos de ilustracións en libros e revistas de vangarda en Galicia no período 1880-1936, para o seu uso tanto en investigación coma en ensino. Por este motivo, os escritores foron convidados a ser os padriños da súa presentación pública nun acto que contou tamén coa presenza de María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense.

Trapiello quixo destacar na presentación do libro que se trata “dunha obra moi ben feita, un traballo sensacional, que recolle o mellor da tipografía galega”. O escritor animou aos lectores a achegarse a esta publicación e coñecer o traballo dos ilustradores de vangarda galegos, pois, apuntou, “agora, desde a irrupción dos ordenadores na nosa vida, todo o mundo somos tipógrafos de nós mesmos”. Citando a Juan Ramón Jiménez e a Steve Jobs, Trapiello fixo fincapé en que os libros en edicións diferentes ou as letras en tipos diferentes din cousas distintas, polo que chamou a atención sobre a importancia de valorar a tipografía, a edición e a súa historia.

Perfil propio

Durante a presentación, Juan Manuel Bonet fixo un repaso polos nomes, os feitos e a significación da vangarda galega na que afonda o libro. Deste xeito, lembrou como no período analizado na publicación “Galicia recibe o impacto das vangardas europeas e as converte en propias, adaptándoas ao seu medio rural, aos seus medios de produción arcaicos e configurando un dos perfís máis propios deses anos de vangarda en España”.

Bonet tamén salientou o feito de que a publicación presentada analiza tanto libros como revistas, xa que, explicou, “a historia das revistas é fundamental para entender unha época coma esta”. Poñendo cara a estas vangardas, o escritor lembrou ilustradores como Barradas, Francisco Miguel, Torres, Maside e sobre todo a Seoane, “a gran figura que dá este humus de vangarda” e que tivo “unha enorme preocupación por manter viva esta época de vangarda e non esquecer, ao contrario que fixeron moitos dos seus protagonistas”.

Para falar destes temas, tanto Bonet como Trapiello, foron as persoas elixidas para iniciar este xoves con sendas conferencias as xornadas Ilustración gráfica, imprenta e arte de vangarda, organizadas co gallo da presentación da publicación. O contido de La ilustración gráfica en Galicia 1880-1936, froito dun proxecto financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación no que participou un equipo de investigación formado por Jorge A. Varela, Mercedes Bangueses, Susana Cendán, Ángel López, Marta Filgueira, Marta López e Roberto Vázquez, está dispoñible para a súa consulta na web con contidos ampliados.