DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado pola Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes

O tratamento da voz e as estratexias para elaborar un traballo académico son as novidades do programa de obradoiros deste segundo cuadrimestre

A matrícula permanecerá aberta do 23 de febreiro ao 6 de marzo

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Lucía Costas DUVI 20/02/2009

Actividades artísticas, tecnolóxicas, culinarias ou expresivas, compoñen a oferta de obradoiros do segundo cuadrimestre no campus vigués. Organizados pola Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes, o prazo de inscrición para poder participar nos obradoiros ábrese o luns 23 de febreiro e permanecerá aberto ata o 6 de marzo, mes no que darán comezo todos eles. “Estudantes, PDI, PAS e público en xeral poderán complementar a súa formación ou simplemente enriquecer os seus coñecementos a través de calquera dun deste obradoiros”, explica Alfonso Caride, técnico de actividades culturais.
Ortofonía: coidados e hixiene da voz e Busca e xestión de información para un traballo académico son as novidades neste cuadrimestre. A través deste último, persoal da Biblioteca da Universidade ensinaralle aos alumnos cómo desenvolver as diferentes habilidades para o acceso á información, a identificar os recursos da propia biblioteca, a empregar as ferramentas web 2.0 e a avaliar a información e as súas fontes. "Trátase dun curso moi útil para todas aquelas persoas que están a realizar algún tipo de traballo, tese doutoral ou investigación”, sinala Caride.
A iniciativa de ofertar un obradoiro de ortofonía xurdiu a raíz da organización dun curso similar por parte do Servizo de Prevención de Riscos Laborais, dirixido unicamente a PDI e “que, sen embargo, por comentarios, presentábase moi atractivos cara á toda a comunidade universitaria” subliña o técnico. Tomar conciencia da necesidade e importancia do coidado e reeducación da voz, coñecer a fisioloxía da fonación, aprender a potenciar as posibilidades da voz e adquirir patróns saudables vocais enfocados ao labor profesional, son algúns dos obxectivos deste taller. Pablo García Ferradás, encargado de impartir o curso, ensinará cómo producir unha emisión e articulación adecuada dos sons e a manexar de maneira apropiada a altura, intensidade e timbre da voz, así como a acentuación, o ritmo e a entoación.

Cociña, o que máis gusta

Como ven sendo habitual, de novo se inclúe na programación un Curso de cociña básico. “Debido á súa alta demanda cada ano, pois cóbrense todas as prazas o primeiro día en que se abre a matricula, consideramos oportuno volvelo a ofertar”, apunta Caride.
O obradoiro, que terá lugar na Escola de Hostalaría Harina Blanca, os sábados en horario de 09.30 a 14.30 horas, impartirao a directora do centro Elena Zulueta. Cada día os alumnos elaborarán un menú, composto por primeiro e segundo prato e sobremesa, que desgustarán ao finalizar a xornada. Fumet, leite fritida, paella, pisto, raguot de polo, filloas, quiche lorraine, pescada en papillote ou ovos á flamenca son algúns dos pratos que poderán cociñar e probar.

Tecnoloxía, arte, benestar e comunicación completan a oferta

A oferta de obradoiros compleméntase cuns xa impartidos no primeiro cuadrimestre e con outros tradicionais, que se ofertan cada ano. Neste senso, podemos optar por obradoiros máis científicos-tecnolóxicos como Automóbil: mecánica e seguridade vial, OpenOffice avanzado e Modelado 3D en contornas virtuais.
Os máis artísticos poden elixir entre Guitarra I, Guitarra II, Danzas do mundo, Posta en escena dunha obra teatral, Iniciación á fotografía dixital e Obradoiro de Narrativa, un interesante obradoiro este último para todos aqueles que lles apaixone escribir, “no que o profesor da Universidade de Vigo Manuel Forcadela fará un achegamento efectivo e divertido ás ferramentas imprescindibles para a creación literaria en prosa”, explica Caride.
A programación complétase con outros obradoiros dirixidos a proporcionar un benestar físico e mental, como son o de Relaxación a través dos sentidos e o de Intelixencia emocional. Así mesmo, para mellorar as técnicas e capacidades comunicativas ofrécese o obradoiro Adestrando as habilidades de comunicación.

Información e matrícula

As prazas son limitadas, oscilando entre 10 e 25 en función do obradoiro. “En xeral, todos os anos cóbrense ao cen por cen”, subliña Caride, “non obstante, é preciso o 75% da matrícula prevista para que se imparta o curso”, engade.
Os interesados en asistir a algún destes talleres deben formalizar a matrícula, antes do 6 de marzo, en calquera rexistro dos tres campus ou en Extensión Cultural no Edificio Miralles. Para iso débese efectuar un ingreso coa cantidade correspondente en calquera sucursal de Caixanova, indicando o código e título do obradoiro, cubrir a ficha de inscrición facilitada nos puntos de información e matrícula ou ben no enderezo web http://extension.uvigo.es/contidos/obradoiros e entregala, xunto co resgardo bancario e o documento que xustifique ser membro da Universidade de Vigo e/ou bolseiro de darse o caso, pois estas persoas beneficiaranse dun desconto do 25 e 50 por cento respectivamente.