DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Continúan tamén os obradoiros de ilustración de moda e xastrería

Traxes novos para o emperador a partir de roupa reutilizada

É o reto do alumnado de Esdemga no taller UN-DO Fashion do Debut09

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Esmeralda L. Castro DUVI 25/11/2009

Hans Chistian Andersen propuxo a nada como materia para o traxe novo dun emperador vaidoso. Agora o alumnado de Esdemga retoma o personaxe do coñecido conto como modelo para os seus deseños feitos a partir de roupa reutilizada no obradoiro UN-DO Fashion. Repensar e refacer moda. Este é un dos talleres desenvolvidos desde o luns ata hoxe dentro da programación do Debut09, que inclúe tamén outras dúas actividades centradas na ilustración para a moda e na xastraría. Ademais, Amai Rodríguez, ex alumna de Esdemga e gañadora do último Premio L’Oreal de El Ego de Cibeles, interveu onte na Casa da Campás para relatar o difícil reto de comezar profesionalmente no mundo da moda.

Dúas toneladas de roupa

Varios contedores estiveron depositados nos últimos dous meses na Facultade de Belas Artes co obxectivo de recoller roupa en desuso. Máis de dúas toneladas de prendas serven agora como material de partida no obradoiro UN-DO Fashion. A proposta é de François Winberg e Vanessa Losada, dous artistas plásticos que están traballando estes días co alumnado de Esdemga “a maneira de construír e deconstruír a idea de moda”, algo que non depende só do que está nos escaparates, senón tamén das influencias e referencias das persoas no seu vestir cotiá. “Queremos indagar sobre a orixe destas prendas que un día estiveron de moda, que proceden dun lugar, unha persoa e unha época determinadas”, explica François Winberg. Para isto van desmontando cada peza e cubrindo unhas fichas de catalogación. O seguinte paso consiste en reestruturalas para darlles unha nova vida, un novo uso e unha nova identidade.
Esa identidade renovada decidiron traballala partir do conto O traxe novo do emperador, de Hans Christian Andersen e propuxéronlle aos asistentes facer un estilismo sacando ao fronte o emperador ou rei que cada un leva dentro e traballando sobre os valores máis superlativos, positivos ou negativos, arredor da idea do poder. Deste xeito buscan darlle relevancia á roupa pensada como algo cotián e tamén aludir á posibilidade ou imposibilidade de vestirse que teñen algunhas persoas no mundo. Xorde así o paradoxo, como sinala Winberg, “na idea de que coa roupa que xa non serve polas razóns que sexa, se poden facer traxes coa máxima importancia, traxes reais ou cortesáns”.
Aínda que a moda vaia moi rápido, Winberg destaca que o ciclo da roupa é moi longo e que se lle pode dar unha nova vida cun uso diferente. A isto engade que “o que chama a atención é a gran cantidade de roupa que usamos, que algún día cubriu unha expectativa ou unha fantasía para nós e que de repente perde a súa circulación porque xa non ten unha vida física ou, sobre todo, social”. A partir disto intentan transmitirlle aos estudantes a relevancia dos valores significativos da roupa, “que se enfronten a dúas toneladas de prendas coa consciencia de que só están facendo unha interrupción creativa nun momento dado e que despois o seu ciclo continúa”.
Logo deste taller será a ONG Humana a que se encargue de xestionar a vida posterior desta roupa. A que non está en bo estado seguirá un proceso de reciclaxe e a que si o está distribuirase en diferentes países subdesenvolvidos.

Elaboración dunha chaqueta de xastre

A orientación experimental do UN-DO contrasta co obradoiro que o emblemático xastre pontevedrés J.J. Boullosa imparte ao mesmo tempo a outro grupo de Esdemga. Neste caso o obxectivo é confeccionar unha chaqueta de xastre paso a paso, desde o trazado dos patróns ata o corte das teas e o proceso de costura.
Con máis de corenta anos de experiencia en xastrería, Boullosa está convencido de que a súa profesión segue tendo saída e que o problema está precisamente no relevo xeracional. Sinala que el recibe clientes procedentes de todas as partes de España porque cada vez hai menos xastres e xente nova que queira implicarse na profesión. Ademais, está convencido de que hai moita diferenza entre un traxe feito á medida e un confeccionado de forma seriada, pois estes non teñen en conta as diferenzas de constitución de cada persoa. Para manter o interese pola xastrería suxírelle ás academias de moda que empecen a impartir a materia desde o primeiro curso.

Ilustración descritiva e analítica

Pola súa banda, Berto Martínez imparte un obradoiro de ilustración de moda que ten como finalidade “combinar técnicas pictóricas e descubrir novas linguaxes e formas de proceder á hora de xerar debuxos que posteriormente se converterán en ferramentas útiles para desenvolver figuríns”. Este obradoiro funciona como un laboratorio técnico no que o alumnado está experimentando con todo tipo de recursos para plasmar as súas ideas sobre un papel antes de xerar unha colección.
Berto Martínez é un dos ilustradores españois máis representativos do mundo da moda. Traballa desde Barcelona para a prensa xaponesa, estadounidense e española, colaborando con revistas como Vogue e con clientes como Coca-Cola, Alfa Romeo, Custo ou Clickair. Afirma que a súa maneira de entender a ilustración para a moda “é moi analítica e descritiva”, aínda que hai moitos ilustradores cunha visión máis subxectiva que tamén lle gustan.

Os comezos despois de Esdemga

Amai Rodríguez, ex alumna de Esdemga, relatou os seus dous primeiros anos de actividade profesional no mundo da moda na Casa das Campás, ante un publico formado case integramente por alumnado do centro. Falou principalmente da súa intervención nas dúas anteriores edicións da pasarela El Ego de Cibeles, un reto do que dixo que supuxo un grande esforzo de traballo e económico, pero que ao mesmo tempo “constituíu un investimento en publicidade e no lanzamento persoal da súa carreira”.
Así mesmo, contou como asumiu a “difícil elección” de deixar un posto de traballo como deseñadora en Inditex en tempos de crise para afrontar o segundo ano de aventura El Ego. Confesa que necesitaba prolongar a etapa “soñadora” na que aínda se atopa e que saíu recompensada polo ambiente da pasarela, do que di que “non é competitivo e impera o apoio entre os compañeiros”. Indicou que o seu ideal é poder seguir combinando períodos laborais en empresas con etapas de creación das súas propias coleccións. Así mesmo, lembrou os detalles que se escapan ao asistir a eventos deste nivel cando un é aínda aprendiz, como aqueles relacionados coas cuestións protocolarias, de difusión e de relacións cos medios.
Ao alumnado presente aconselloulles que non se despisten co inglés, que fagan unha páxina web para darse a coñecer e que aproveiten a carreira, pois considera que son os anos de maior liberdade, nos que non hai que “xustificarse e dar explicacións acotío sobre o que un fai”.
Amai Rodríguez gañou o Premio L’Oreal de El Ego no pasado mes de setembro cunha colección inspirada na noite e executada cunha visión moi teatral. Os quince modelos que presentou poderán verse nunha exposición no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra a partir do próximo xoves.