DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de matrícula no Programa de Formación estará aberto ata o vindeiro 31 de agosto

O tren da educación volve pasar para dar unha segunda oportunidade aos maiores de 55 anos

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Jessica Fdez. DUVI 31/07/2012
E a partir de mañá, que? Esta é a pregunta que pasa pola cabeza de moitos dos maiores que se cuestionan en que investir o tempo libre que regala a xubilación coma recompensa por unha vida laboral. Pasear, ler, xogar a partida ou ver a televisión poden ser actividades entretidas pero a Universidade ofrece outra alternativa: volver as aulas a través do Programa de Formación de Maiores. Coa ilusión e as ganas de aprender coma únicos requisitos, os maiores de 55 anos teñen unha segunda oportunidade para retomar os estudos que tiveron que abandonar no seu día ou para completar aqueles que remataron na súa mocidade.

Malia que ao principio poidan existir medos ou dúbidas ante a idea de volver a Universidade, aterrar nas aulas é achegarse a un novo mundo, unha nova vida que lles vai permitir descubrir novos horizontes dun xeito tranquilo onde non importa o nivel de estudos acadado previamente. Para Alejandro Otero, presidente da asociación Aulas de Formación Aberta da Universidade, un dos factores máis importantes é que “este programa de aprendizaxe contribúe ao noso benestar persoal, facendo minguar sentimentos negativos coma a soidade ou o aburrimento”. Tras cumprirse dez anos dende a implantación destas actividades e tras ver pasar a máis de 360 alumnos polas aulas, “non atopei a ninguén que puidera comentar algo negativo desta experiencia xa que, ademáis de sacar proveito aos estudos, fórxanse amizades coas que compartir experiencias e inquedanzas similares que fan moito máis doado o noso día a día”, puntualiza Otero.

De Graduado Sénior a Graduado Sénior Superior

Con tres anos por diante para conseguir o título de Graduado Sénior Universitario, os maiores poderán escoller as materias que máis se axusten as súas preferencias, sempre e cando cubran o total de 18 créditos anuais para superar cada curso. Unha vez finalizado este ciclo, os estudantes poderán completar a súa formación no campus universitario de Vigo, onde compartirán aulas co alumnado de formación regrada que “ano tras ano nos transmiten e contaxian a ilusión por vivir, por aprender e por apreciar cada detalle da vida”, indica Otero. Durante estes dous anos, o alumnado poderá elixir libremente as materias que cursar para especializarse e obter o recoñecemento de máximo nivel: o Graduado Sénior Superior.

Prazos de matrícula

Cunha oferta de 50 prazas para o curso 2012-2013, o prazo para realizar a preinscrición no Programa de Formación de Maiores estará aberto ata o 31 de agosto e realizarase na Escola de Estudos Empresariais de Torrecedeira. Poderán presentar as solicitudes todas aquelas persoas maiores de 55 anos e, no caso de que non se cubran as prazas, poderán admitirse persoas con idades sempre por enriba dos 50 anos. Unha vez publicadas as listas definitivas de admitidos, os estudantes recibirán toda a información sobre as materias, calendario escolar, créditos e matrícula “para iniciar unha nova etapa que vai cambiar a súa vida para mellor”, conclúe Otero.