DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Acto de graduación da XXXI promoción da Diplomatura en Enfermaría

Tres anos de estudo para aprender a valorar a saúde e a vida

O reitor impartiu a última lección e amosou o seu compromiso de integración da titulación na Univers

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 23/06/2011

O campus pontevedrés despide a 50 novos profesionais da saúde “con ganas de coidar á sociedade”. Este xoves graduouse a XXXI promoción da Diplomatura en Enfermaría nun acto no que o reitor, Salustiano Mato, ademais de impartir a última lección sobre “a alma” do Campus do Mar, amosou o seu compromiso de integrar as escolas adscritas de Enfermaría á Universidade. O director da escola, Miguel Ángel Piñón Cimadevila, destacou o carácter vocacional da profesión, “cunha gran responsabilidade, pero marabillosa”, mentres que a alumna Iria Cobos, en representación de todos os seus compañeiros, reivindicou a visibilidade dun traballo “que sempre se atopa nun segundo plano”.

Mato aproveitou o acto de graduación para reiterarlles aos novos egresados que “fostes alumnos e alumnas da Universidade de Vigo en toda regra”, a que se atopa traballando “cóbado con cóbado co Servizo Galego de Saúde para lograr que nun futuro as escolas de enfermaría pasen a formar parte integramente da Universidade”. Tamén aludiu á transformación da diplomatura ao título de grao, “unha nova oportunidade que se vos presenta para continuar formándovos e conseguir un maior recoñecemento profesional”.

Unha profesión “chea de satisfaccións e de preocupacións”

Pola súa banda, o director da escola lembroulles aos novos egresados “que nesta noite de San Xoán pechades un capítulo importante nas vosas vidas para abrir outro aínda máis apaixonante, o da dedicación a unha profesión extraordinaria”. Salientou a vocación de todo o alumnado e, por riba da formación académica e dos coñecementos acadados, “a necesidade de ser solidarios, humildes, sensibles e comprensivos para lograr o coidado excelente do individuo, das familias e da sociedade”. Advertiulles que se ían dedicar a un labor “cheo de satisfaccións, pero tamén de preocupacións”.

A representante do alumnado, Iria Cobos, subliñou a necesidade de continuar loitando pola dignificación da profesión de enfermaría, “reivindicando a súa visualización e o total recoñecemento por parte da sociedade”. Non se esqueceu de lanzarlle unha mensaxe ás institucións, “para que a Escola Universitaria de Enfermaría se poida sentir máis preto e membro do campus”, ademais de dedicarlle unhas palabras aos compañeiros, ao profesorado e ás familias “que nos deron o seu apoio nos días malos”.

“O mar falou e nós escoitámolo”

O reitor da Universidade tamén foi o encargado de impartir a última lección do curso, na que explicou, cunha presentación moi visual e animada, “por que o Mar nos escolleu”. Remarcou a idoneidade do territorio galego-portugués para acoller un Campus de Excelencia que ten como obxecto o mar, pois “debemos converternos en referente internacional naquilo no que somos líderes”. Engadiu a necesidade “de traballar arreo” para que a Universidade de Vigo se converta na Universidade do Mar de Europa “sacando o máximo rendemento dunha forma sustentable”.

Mato quixo compartir cos presentes o alcance do proxecto, xa que “do mar só se coñece un 10%, quédanos por descubrir tantos segredos que poden ser a solución a moitas das enfermidades”. Por último, tamén se lembrou de que o Campus do Mar non sería posible “sen a complicidade da cidadanía”, facéndoos partícipes dun proxecto “que con nove meses de vida xa leva recadados nove millóns de euros de financiamento”.

O acto rematou coa interpretación do Gaudeamus Igitur e coa celebración dun ágape para os novos profesionais e para os seus familiares.