DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha experiencia “única” para os 60 estudantes que participaron no deseño e construcción do XaTcobeo

Tres anos de traballo condensados nunha hora

A formación acadada nos tres últimos anos pode abrirlles a porta de novos proxectos espaciais en Gal

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 09/02/2012

Nerviosos, pero coa ilusión de quen espera a que se abra unha nova etapa. Os 60 estudantes que participaron no deseño e construción do XaTcobeo enfrontan a conta atrás cunha mestura de inquietude e de “gañas” de ver como se comporta o picosatélite da Universidade de Vigo cando xa estea en órbita. A medida que se acerca a data a ansiedade crece ao decatarse de que “son tres anos de traballo condensados en pouco máis dunha hora de voo con moitísima xente involucrada e sen que ti teñas o control de todas as pezas do quebracabezas”, como explica Ricardo Tubío, que estivo a cargo da parte de enxeñaría de sistemas. Agora cruzan os dedos, aínda que “coa confianza de ter feitos os deberes e a tranquilidade de que todo está ben probado”. “Temos todo funcionando, así que xa é un éxito chegar ata onde chegamos”, asegura Antonio José Vázquez, responsable da parte de segmentos terreos e da estación e das antenas de terra.

A meta non foi nada doada de conseguir, xa que tanto o alumnado como os 32 docentes participantes partiron de cero, “sen que ninguén che guíe, pisando terreo novo todos por primeira vez e facendo un esforzo por poñernos ao día. Foi un verdadeiro reto”, recoñece Verónica Ruiz, responsable da parte das antenas e da integración do satélite. Sen embargo, pagou a pena, xa que todas as horas dedicadas ao proxecto nestes tres últimos anos tradúcense en novas liñas de investigación e o posible xermolo dunha industria aeroespacial made in Galicia que aproveite as infraestruturas postas en marcha para a creación do XaTcobeo. Un bo exemplo é o desenvolvemento de Humsat, unha constelación de nanosatélites cunha gran capacidade de comunicación, ou a creación de femto satélites, aparellos de menos de 100 gramos de peso.

Canteira de enxeñeiros aeroespaciais

Ser a primeira universidade europea en enviar ao espazo un CubeSat construído con estándares da Axencia Espacial Europea pode ter as súas vantaxes. A principal, dispor dunha canteira de enxeñeiros especializados no eido aeroespacial. “O obxectivo principal deste proxecto educativo era conseguir a un equipo de estudantes moi ben formados para ter en Galicia a enxeñeiros que saiban moito máis que outros respecto a satélites. Aquí poderiamos ter unha gran canteira de enxeñeiros da industria espacial”, salienta Gabriel González, responsable do deseño da carga útil SRAD (radio software reconfigurable) e do software de a bordo.

Unha experiencia “única” para rapaces e rapazas recentemente saídos das aulas que lles permitirá abrir portas polas que continuar a súa carreira profesional. “Eu considérome unha privilexiada porque nestes tres anos fixemos algo completamente innovador. A carreira danos uns coñecementos básicos, pero o traballo co picosatélite proporcionounos unha bagaxe e un colchón importante”, subliña Helena Iglesias, que participou nas primeiras fases do deseño, no estudo de viabilidade, na descrición funcional do satélite e que tamén estará no equipo de operacións que seguirá ao CubeSat vigués dende terra.

Nesta idea coinciden os seus compañeiros de viaxe. “XaTcobeo ofreceunos unha oportunidade moi grande de entrar nun mundo pouco accesible como o aeroespacial e pode converterse nunha boa forma de incorporarse ao mercado laboral dende a universidade”, destaca Antonio José Vázquez. Agora todo dependerá dos novos proxectos e do respaldo institucional que se reciba en tempos de crise. “A nosa esperanza de futuro é que se poñan en marcha novas ideas, aínda que estamos nunha época moi delicada e con demasiados recortes”, puntualiza Verónica Ruiz, unha das integrantes do equipo de 15 persoas que conforman o núcleo duro dun proxecto no que participaron preto de cen persoas.

Un 10 en traballo en equipo

Se algo destacan os ‘pais’ do XaTcobeo destes tres anos é o traballo en equipo. Acadar os estándares europeos, cumprir prazos e organizar a labor de oito grupos de investigación foi unha ardua tarefa que solucionaron con moita coordinación. E iso valeu para moito. “Cando empezamos o proxecto parecía que só iamos aprender cuestións técnicas, pero ao final acaba enriquecéndote tamén a nivel persoal. Tes que desenvolver a capacidade de comunicar, xestionar, dialogar... Foi unha experiencia moi enriquecedora e todo o mundo di o mesmo: o traballo en equipo foi unha experiencia case única”, salienta Tubío. Un desenvolvemento “persoal e profesional espectacular” que vén dado de conseguir construír un sistema complexo que ten que funcionar de forma autónoma no espazo. “É moi diferente o que son capaz de facer agora do que era capaz de facer antes”, sinala Tubío. Agora quédalles esperar en terra, na estación situada na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo.