DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os certames están dirixidos a estudantes e público xeral

Tres concursos da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía para amosar os seus recursos

Desenvolveranse ao longo do curso académico

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Premios
  • Académica
Ana Proupín DUVI 21/11/2018

A Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía teno claro: a mellor forma de dar a coñecer as súas titulacións é achegando un anaco destas, en forma de concursos, aos diferentes elos da cadea educativa e á sociedade en xeral. Por esta razón, o centro promove tres certames completamente diferentes que se desenvolverán ao longo do curso escolar. Dous dos tres certames, o concurso de fotografía Enfoca.RME e o Premio de restauración sostible de espazos mineiros, acadan a súa segunda edición, tras o éxito do ano pasado e, o terceiro, Constrúe e compite co teu equipo mineiro, emerxe como a novidade deste curso escolar. Estas actividades “nacen co obxectivo principal da difusión, é dicir, dar a coñecer a escola e as súas diferentes saídas e recursos a través de tarefas que esperten o interese e amosen o que se pode aprender nas diferentes titulacións ofertadas”, afirma José Santiago Pozo-Antonio, vicedecano da escola. 

Para acadar estes obxectivos, as probas inclúen diferentes categorías , o que permite “achegar os certames aos ámbitos adolescente e infantil”, confirman dende o vicedecanato, na procura dunha vocación ata o momento descoñecida ou de espertar o interese por uns estudos universitarios, coma os ofrecidos na escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía. 

Nova edición do concurso de fotografía Enfoca.RME

Tanto menores como maiores de idade poden participar ata o 27 de novembro en Enfoca.RME, o concurso de fotografía dedicado aos Recursos Mineiros e Enerxéticos, que lanza a escola en colaboración coa Cámara Oficial Mineira de Galicia, por segundo ano consecutivo. Para poder presentarse ao certame só é preciso fotografar, a través de calquera técnica, tanto en cor  coma branco e negro, un tema que estea relacionado coas titulacións que se imparten no centro.

Como novidade nesta edición, establecéronse dúas categorías, a sénior e a júnior, e para premiar as mellores fotografías haberá diferentes galardóns. Por un lado, na categoría sénior haberá tres premios valorados no seu conxunto en 600€, mentres que na categoría júnior, destinada a menores de idade, haberá dous premios que suman en total 180€. A entrega de premios de ambas as dúas categorías será o día 5 de decembro no acto organizado pola escola ao abeiro da celebración da súa patroa, Santa Bárbara. Neste acto tamén se fará entrega do galardón ao mellor expediente do mestrado de enxeñaría de minas da Universidade de Vigo e inaugurarase a exposición fotográfica, que poderá ser visitada tanto fisicamente no vestíbulo da escola coma dixitalmente na súa web.

II Premio de Restauración Sostible de Espazos Mineiros

A canteira Richinol, explotada polo grupo empresarial Canteras ARE é por segundo ano consecutivo o espazo elixido para que os participantes desta edición poidan levar a cabo un proxecto de restauración baseado nunha solución viable dende o punto de vista técnico, económico, social e medioambiental, a partir do aproveitamento do oco mineiro.  

O prazo para inscribirse neste certame remata o 15 de decembro e o día límite para a entrega do proxecto será o 1 de abril de 2019. Das propostas presentadas avaliarase o deseño estético e orixinalidade (40%), a calidade e o contido (40%) e a exposición (20%) para ditaminar o equipo gañador de cada unha das tres categorías: estudantes de 3º e 4º da ESO, bacharelato e ciclos formativos; estudantes universitarios e a última, estudantes universitarios de graos en enxeñarías de minas e enerxía. De cada categoría sairá un único premio: un diploma e un cheque de 200€ para material escolar.

I edición do concurso Constrúe e compite co teu equipo mineiro

Coa última actividade a escola pretende estimular o enxeño, a creatividade e as competencias tecnolóxicas das e dos participantes a través da creación dun equipo mineiro que sexa quen de remover e cargar material, desprazarse a certa distancia sobre o terreo e descargar ese material nunha zona reservada para o almacenamento, no menor tempo posible. A construción do equipo mineiro comprobarase o 5 de abril de 2019 cunha competición dividida en dúas partes, unha proba principal na que se transportará certa cantidade de area dende un almacenamento A cara un almacenamento B no menor tempo posible e, probas alternativas nas que se comprobará a velocidade, carga e adaptabilidade ao terreo así como todo tipo de sorpresas xeolóxicas. 

Neste certame poden participar grupos de entre tres e seis persoas de 3º e 4º da ESO, bacharelato, universidade e ciclos formativos para concorrer a tres premios en función das probas gañadas. Haberá os mesmos premios para os dous ámbitos avaliados: 1º e 2º premio, así como accésit consistentes en diploma e  cheque de 300€ para material escolar, diploma e 150€ para material escolar e, unha maqueta equipo Caterpillar, respectivamente.