DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No III Congreso Internacional de Balonmano

Tres días de duro traballo para ensinar a amar o deporte

Ao abeiro da disputa da Copa do Rei os futuros adestradores mellorarán técnicas pero tamén a formaci

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Anabel Vila DUVI 08/04/2011

154 inscritos participan dende hoxe no III Congreso Internacional de Balonmán, que, como recoñeceu Xosé Henrique Costas, vicerreitor de Extensión Universitaria na súa inauguración, busca formar “non só monitores bos, senón magníficos”. Ata este domingo 10 de abril mesas redondas, conferencias e talleres serán o escenario perfecto para debater sobre o presente e o futuro do balonmán con relatores de recoñecido prestixio nacional e internacional. Así, xa na primeira xornada contan coa presenza de Xesco Espar, campeón de Europa co FC Barcelona, ou o alemán Frank Nörenberg, técnico da IHF, Federación Internacional de Balonmán. David Barrufet, un dos nomes clave no deporte español, será un dos poñentes do sábado, mentres que a clausura correrá a cargo de Juan de Dios Román, presidente da Real Federación Española de Balonmano.

O obxectivo desta cita, tal e como aseguran os seus organizadores é, ademais de crear un foro de debate e análise, o de “propiciar un lugar para a formación e o desenvolvemento dos adestradores”, segundo explica José María Cancela, profesor de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo, e secretario do comité organizador do que tamén forma parte a Universidade da Coruña. Por iso nesta edición do congreso non haberá soamente conferencias, senón que se abre un oco a actividades como a análise de partidos de alto nivel, que desta volta serán en directo, xa que este traballo levarase a cabo sobre as semifinais e final da Copa do Rei que se está a disputar estes días no Pavillón das Travesas.

Traballar cos nenos, o seu gran reto

Durante o acto de inauguración, que estivo presidido polo vicerreitor de Extensión Universitaria, os organizadores do congreso fixeron fincapé no feito de que o traballo dos adestradores non se dirixe únicamente a aspectos deportivos, senón que tamén forman en valores. “Vós tratades con rapazas e rapaces durante a súa etapa de formación e influídes neles, sodes o seu exemplo”, recordaba o concelleiro de Deportes de Vigo, Xabier Alonso. Por iso, e segundo aseguraba Xosé Henrique Costas, o seu reto é “aprender e ensinar a amar o deporte, o deporte con maiúsculas”.

Pola súa banda, José Julio Espina Agulló, presidente da Asociación de Entrenadores de Balonmano, AEBM, recoñeceu que é un orgullo para eles participar, co Seminario Internacional Domingo Bárcenas nun congreso que “servirá para difundir o noso deporte”, algo que no que tamén confiou o presidente da Federación Galega, José Luis Pérez. O máximo mandatario autonómico sinalou que “a carencia máis grande do noso deporte son os bos ensinantes, para que aos nenos lles guste”, por iso gabou esta iniciativa de formación de adestradores, coa que buscan “ser capaz de facer que se mova o balonmán en Galicia”.