DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Convócase a segunda edición das bolas de apadriñamento do centro

Tres empresas para tres alumnos de Ciencias Empresariais e Turismo

Coa participación do Grupo Cuevas, Caldaria e Modera Media

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 20/11/2013

O curso pasado a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense puxo en marcha un programa pioneiro de bolsas de apadriñamento de empresas a alumnado do centro. Despois do éxito da experiencia piloto, convócase agora unha nova edición desta iniciativa que permitirá a tres estudantes de último curso ser apadriñados polo Grupo Cuevas, Caldaria e Modera Media e vincular a súa vida académica a estas grandes empresas galegas. O prazo para presentarse remata o día 30 de novembro.

Segundo explica Elena Rivo, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, o obxectivo último da iniciativa é facilitar ao estudantado o contacto coa realidade empresarial da contorna. “Poden presentarse a estas bolsas estudantes matriculados no último ano da titulación, especialmente se son persoas comprometidas, implicadas e traballadoras, con capacidade de desenvolvemento e creación de ideas e dispostas a traballar en equipo”, destaca a docente. Concretamente, convócanse tres bolsas de apadriñamento, unha para cada grao do centro, que son o Grao en Administración e Dirección de Empresas, o Grao en Turismo e o Grao en Consultaría.

Perfís e premios

A persoa elixida para a bolsa de ADE traballará en temas da área de fidelización e análise de tendencias e consumos; a de Turismo en marketing e a de Consultaría en marketing e tecnoloxías de comercio electrónico. Cada bolsa permitirá aos beneficiarios realizar 240 horas de prácticas na empresa correspondente; obter unha bolsa de 620 euros para os custos de matrícula do curso académico; realizar o seu traballo fin de grao vinculado á temática consensuada coa entidade apadriñadora e ter a experiencia de formar parte dunha grande empresa galega cando aínda non rematou os seus estudos superiores.

Desde o centro queren animar ao estudantado que cumpra os requisitos a aproveitar esta oportunidade de coñecer en primeira persoa como funciona o sector empresarial galego, realizar prácticas nunha contorna real e ter unha especial tutorización o último curso de estudos no centro. A importancia da iniciativa, indican, non radica tanto na súa contía económica senón no cambio de cultura que supón nas relacións entre empresa e Universidade, estreitando as relacións de modo que redunden no beneficio dos futuros profesionais que se están formando na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. O prazo para solicitar cada unha das bolsas de apadriñamento está aberto ata o 30 de novembro de 2013. As solicitudes deberán enviarse ao enderezo electrónico secretario.eto@uvigo.es  indicando nome, apelidos, DNI e titulación en curso.