DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Centro Comercial Gran Vía fai entrega das tres bolsas complementarias ás mellores estudantes

Tres expedientes excelentes que se converten nunha axuda de 1000 para a estadía Erasmus

Andrea Nóvoa, Laura González e Natalia Rey recibiron hoxe martes as súas distincións

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
DUVI 02/01/2018

Ter un expediente académico excelente serviulles a Andrea Nóvoa, Laura González e Natalia Rey para que a súa estadía no estranxeiro cunha bolsa Erasmus sexa máis desafogada economicamente. Grazas ás súas cualificacións foron seleccionadas na convocatoria de bolsas Erasmus+ Gran Vía, unha iniciativa posta en marcha por este centro comercial, en colaboración coa Universidade de Vigo. O obxectivo é ofrecer unha axuda adicional ao alumnado que completa os seus estudos no estranxeiro baixo o paraugas do programa Erasmus+, amosando así o compromiso desta empresa coa responsabilidade social, facilitando o apoio en formación e cultura da poboación da contorna. Aproveitando as vacacións da Nadal destas tres estudantes en Galicia, o centro comercial celebrou o acto de entrega das axudas, que contou coa presencia do vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, o xerente de Gran Vía, Fernando Pinto e a directora técnica da Oficina de Relacións Internacionais, Amelia Rodríguez.

Destinos en Noruega, Alemaña e Polonia

Andrea Nóvoa é estudante da Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía e durante o primeiro cuadrimestre realizou a súa estadía Erasmus na cidade norueguesa de Trondheim. Tras as vacacións regresará ao país nórdico ao abeiro do programa Erasmus Prácticas. Laura González, pola súa banda, é alumna da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, na que cursa a simultaneidade ADE-Dereito. No seu caso optou pola cidade de Göttingen, en Alemaña, para unha estadía no segundo cuadrimestre. Finalmente, Natalia Rey, estudante da Facultade de Filoloxía e Tradución, escolleu a cidade polaca de Poznan para unha bolsa Erasmus anual, que comezou en setembro e rematará na primavera. Para as tres, o importe desta bolsa complementaria suporá unha axuda para os gastos de manutención, aloxamento e desprazamento neste 2018 e ademais permanecerán en contacto permanente co Centro Comercial Gran Vía de Vigo para dar a coñecer a súa experiencia.

As bolsas foron outorgados a estudantes seleccionados entre as e os solicitantes dos campus de Pontevedra e Vigo con destinos nos que o inglés fose a lingua na que se imparte a docencia. A selección foi realizada pola propia Universidade por orde de expediente académico e media ponderada con respecto á titulación.