DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estudantes e emprendedores debaterán sobre a necesidade de innovar na empresa

Tres expertos en estratexia empresarial falarán de innovación no campus

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 03/02/2010

A innovación é hoxe unha materia imprescindible que os empresarios deben ter moi en conta para ser competitivos cos seus modelos de negocio. Neste eido a Universidade cumpre unha importante función a través de grupos que traballan a reo para desenvolver estratexias e produtos que repercutan positivamente na sociedade. Conscientes da necesaria relación que debe existir entre empresa e Universidade a Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao organizou a xornada Innovar: unha asignatura imprescindible que se desenvolverá este venres no Edificio de Ferro do campus.
O evento comezará o seu desenvolvemento ás catro da tarde cun acto inaugural no que participarán Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus e Manuel Rodríguez de la Fuente, presidente da asociación. De seguido intervirán tres expertos asesores en estratexia empresarial: Genís Roca, director xeral de Infonomía; Dioni Nespral, experto en estratexia e innovación empresarial e Marc Vidal, director xeral de Cink. Na xornada hai xa 80 persoas inscritas entre empresarios, traballadores, membros da comunidade universitaria e público en xeral interesado na temática.

Novas tecnoloxías, emprendemento e estratexia como liñas de debate

A conferencia inaugural da xornada correrá a cargo de Genis Roca, director xeral de Infonomía, que falará sobre Tempo de redes: Un novo ecosistema para a innovación. Roca é un experto asesor empresarial interesado nos modelos de presenza en Internet, tanto para persoas como para empresas e institucións. O asesor Dioni Nespral, pola súa banda, falará no encontro sobre Innovaction, da idea á acción. Nespral é un dinamizador empresarial que estudou o concepto da innovación e que está a conseguir impulsar a moitas empresas e emprendedores a innovar. A última conferencia da xornada vai ser a de Marc Vidal e versará sobre Proceso de creación de valor, estratexia de innovación. Este asesor empresarial converteuse xa nun xerador de opinión, é lido cada mes por máis de medio millón de persoas e no ano 2006 gañou un dos premios ao mellor blog español.

Máis de 320 empresas que dan traballo a 8000 persoas

O Polígono San Cibrao das Viñas creouse no ano 1965. Na actualidade ocúpano 320 empresas que dan traballo a máis de 8.000 persoas sendo a metalurxia, a industria química, a alimentación e distribución, o metal, a madeira e o téxtil os principais sectores de actividade. Yolanda López, xerente da Asociación de Empresarios do Polígono explica que en todos estes negocios “a innovación é fundamental e máis nos tempos difíciles que nos toca vivir e que esixen dos emprendedores unha boa dose de novidade e imaxinación para poder loitar nun mercado cada vez máis competitivo”. A xornada sobre innovación deste venres vai ser unha boa oportunidade para que empresarios e traballadores atopen solucións aos problemas dos seus respectivos modelos de negocio e resolvan dúbidas do sector. O encontro tamén lle vai ser de utilidade aos estudantes do campus porque, segundo Yolanda López, “vailles aportar unha visión completa do mundo empresarial e de como a innovación pode ser determinante para a boa marcha de calquera modelo de negocio”.