DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Escola Aberta de Formación Permanente impartirá un curso entre abril e xullo

Tres meses de formación para o profesorado universitario novel 

Destinado a PDI de recente incorporación 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 22/03/2022

Comprender as competencias, coñecementos e habilidades necesarias para desenvolver a profesión docente universitaria. Identificar as diferentes metodoloxías activas. Xerar recursos didácticos co apoio da tecnoloxía. Aplicar diferentes tipos de acción titoral. Desenvolver unha comunicación educativa eficaz. Avaliar por competencias e deseñar un recurso didáctico. Estes son os obxectivos do curso Formación do profesorado universitario novel, convocado pola Área de Formación e Innovación Educativa (Escola Aberta de Formación Permanente) da UVigo, que se desenvolverá entre o 1 de abril e o 30 de xuño e que, como confirma a directora da Escola, María José Moure, acada a súa cuarta edición para a que “se melloraron os contidos e os recursos educativos”.

Inserido dentro do Programa de Formación Permanente do PDI da UVigo para o ano 2022, o curso está dirixido ao persoal investigador con carga docente e profesorado axudante e axudante doutor de recente incorporación co obxectivo de mellorar as súas competencias docentes relacionadas coas metodoloxías, recursos didácticos tecnolóxicos, comunicación, acción titorial e avaliación de competencias. “Fanse necesarios este tipo de cursos porque o profesorado que se incorpora á universidade carece dunha formación específica en metodoloxías educativas, innovación docente ou competencias como a comunicación eficaz, que son imprescindibles para desenvolver a profesión docente”, explica Moure, que avanza que neste momento xa recibiron máis de 60 solicitudes de preinscrición, “polo que é probable que fagamos unha segunda edición este ano”.

Ata o 31 de marzo estará aberto o período de matrícula no curso, que se ofertará en modalidade virtual.

Impartido por profesorado das universidades de Vigo e Burgos

A catedrática e a profesora titular do Departamento de Didáctica, Organización Escolar e Métodos de Investigación da UVigo, Margarita Pino Juste e María del Carmen Ricoy, xunto co profesor do Departamento de Ciencias Históricas e Xeografía da Universidad de Burgos, Fernando Melgosa Rodríguez, impartirán o curso, distribuídas en 8 de docencia virtual e 22 de traballo autónomo. A actividade de avaliación consistirá na elaboración dun recurso tecnolóxico. “Hai moitas formacións que poden ser de axuda para o profesorado novel pero esta é o única na que se prioriza ao persoal investigador con carga docente e profesorado  axudante e  axudante  doutor de recente incorporación. Ademais este curso ten unha carga docente (60h) maior en xeral que o resto de formacións do profesorado”, detalla a directora a Escola Aberta de Formación Permanente da UVigo.

A UVigo utilizará as súas plataformas Moovi e Campus Remoto para impartir o curso, que se desenvolverá entre o 1 de abril e o 26 de xullo en modalidade virtual asíncrona e os días 22, 23, 28 de xuño e 14 de xullo en modalidade virtual síncrona.