DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Servizo de Deportes ofrece un programa de adestramento personalizado para os participantes

Tres meses para preparar os 10 km Cidade Universitaria

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 07/12/2012
Non é doado se non se conta coa preparación adecuada e 10 quilómetros en terreo chan poden chegar a facerse moi ‘costa arriba’. Por iso, o Servizo de Deportes ofrece un programa de adestramento personalizado para que os interesados en correr os 10 km Cidade Universitaria, o vindeiro 10 de marzo, poidan facelo nas mellores condicións posibles. Ata o 13 de decembro, os interesados poderán inscribirse para comezar as sesións de traballo o día 17 do mesmo mes. Cada xoves lectivo ata a data de celebración da carreira, os participantes traballarán cun plan de preparación específico pensado para persoas que non participen habitualmente en carreiras de fondo ou que precisen axuda para afrontar por primeira vez o reto dos 10 quilómetros.

As sesións terán lugar de 19.00 horas a 20.30 horas no parque de Castrelos de Vigo da man de Jorge Castro, adestrador nacional de atletismo e técnico do equipo de carreiras populares da Universidade de Vigo. Ademais, para todos aqueles que non se vexan con ánimo de realizar a carreira, nesta edición do 2013 volverase a repetir a andaina que permitirá realizar o percorrido camiñando e máis amodo. Esta camiñata constará de 17 km de lonxitude e transcorrerá pola contorna do campus universitario chegando ata o Alto do Galiñeiro. Tralo éxito desta iniciativa o ano pasado, con 120 camiñantes, a organización agarda a participación dunhas 150 persoas.

No tocante á Carreira 10 km, o circuíto mantense sen cambios respecto da edición do 2012 e consistirá en dúas voltas de 5 quilómetros. Se na pasada edición tomaron a saída 810 persoas, para marzo do 2013 o Servizo de Deportes agarda contar cun número similar de atletas.
A inscrición nestas probas está aberta ás persoas nadas no ano 1995 ou anteriores, no caso da carreira, ou no ano 2000 ou anteriores no caso da andaina.

Cuestionario de aptitude

Ao realizar a inscrición, os participantes deberán cubrir un cuestionario de aptitude para a actividade física. Neste informe inclúense datos sobre a forma física, posibles enfermidades crónica ou infeccións recentes, hábitos de consumo por exemplo de tabaco, antecedentes familiares, etc. O prezo de matrícula neste programa é de 20 euros para o público en xeral, mentres que os usuarios da Tarxeta Deportiva ou de Ponte en Forma, o custe será de 16 euros. Este prezo xa inclúe a inscrición na propia carreira.

Convenio co Círculo Mercantil

Por outra banda, o Servizo de Deportes da Universidade vén de asinar un convenio de colaboración co Círculo Mercantil de Vigo, que permite ofrecer aos membros da comunidade universitaria condicións vantaxosas como o aluguer de pistas de pádel a 8 € de luns a venres entre 09:00 e 16:00 h, así como prezos especiais para a escola de pádel e bonificacións nas cotas de socio.