DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Manuel Pena, Diego Guerra e o capitán do equipo, Pablo García competirán con grandes figuras interna

Tres Mestres da Universidade representarán a Galicia no II Aberto Internacional de Xadrez Carlos I

O xogador vigués, Manuel Pena, loitará polo título de Gran Mestre

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Sara Alcázar DUVI 15/06/2010
Os xadrecistas da Universidade de Vigo Manuel Pena, Diego Guerra e o capitán, Pablo García representarán a Galicia como Mestres no II Aberto Internacional de Xadrez Carlos I, que terá lugar en Sanxenxo do 19 ao 27 de xuño.
No encontro, que forma parte do Torneo do XXIII Circuíto galego de Xadrez, daranse cita preto de 20 xogadores titulados entre os que se atopan grandes figuras internacionais como os Grandes Mestres Paunovic de Serbia e Arthur Kogan de Israel.
Un título ao que tamén aspira o xadrecista da Universidade, Manuel Pena, que aproveitará o encontro para converterse en Gran Mestre, o máximo recoñecemento concedido no xadrez, “e que te abre moitas portas” comenta Pena.
Ademais, o xadrecista vigués alberga esperanzas e boas expectativas para conseguir o título “sempre que as cousas saian ben” sinala, marcándose “obxectivos máis altos ano a ano”.
Así mesmo, o Pena salientou a confianza que ten o equipo para vencer aos seus contrincantes grazas a unha intensa preparación para medirse ante os Grandes Mestres internacionais que acudirán ao encontro.

Nove roldas clasificatorias e premios en metálico para os mellores xogadores

A competición iniciarase o sabado 19 de xuño, disputándose ao longo de nove roldas con xogadas de 90 minutos de duración por xogador. Os primeiros 11 xadrecistas que superen todas as roldas optarán a premios en metálico de 1200 euros para o primeiro clasificado, 1000 euros para o segundo e 800 o terceiro. Estes galardóns entregaranse na cerimonia de clausura do torneo o 27 de xuño.
Ademais, tamén haberá un premio en metálico para o mellor xogador galego, dotado con 150 euros o primeiro clasificado e 100 o segundo.