DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto "Formas Naturais", do artista Lasha Makharadze, maquilla a fachada do edificio

Tres mosquitos de cerámica acompañan ao alumnado nas horas de estudo na biblioteca

O autor da composición recibiu o premio do I Concurso de Intervención Artística

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 28/05/2010

Emocionado, contento e moi ilusionado non só por ter recibido o galardón, senón tamén e segundo as súas palabras, “porque a miña obra adorna a fachada dun edificio bonito dende o punto de vista arquitectónico e moi importante pola súa repercusión social, xa que cada día van ser moitas as persoas que vexan a miña creación nun espazo académico como é a universidade”. Así se amosaba o escultor xeorxiano Lasha Makharadze, gañador do I Concurso de Intervención Artística, este venres na súa visita ao campus para recibir o premio de mans dos seus promotores e para montar a obra na fachada da biblioteca do campus.
A proposta de Makharadze para encher de arte a fachada da biblioteca, que posúe unhas medidas de 18,45 metros de lonxitude e 3,50 metros de altura, é un proxecto escultórico titulado Formas Naturais que realiza en cerámica, serigrafía e ferro. A obra está constituída por tres pezas de mosquito distintas, outras tantas con forma rectangular e tres máis redondas nun deseño no que os mosquitos aparecen libando un collage formado por moitas letras formando palabras de varios idiomas, dende o español e o inglés ata o xaponés.

Amosar a necesidade de sabedoría

Con esta composición o escultor quere amosar “a necesidade de saber e de adquirir cada día novos coñecementos nun centro como é unha biblioteca”, declara. Mentres lle facía os últimos retoques a un dos mosquitos o artista explicou o proceso de creación da obra, que naceu nun bosquexo no ordenador e que precisou despois dun laborioso traballo de realización no taller para traballar no modelado e na cocción das diferentes pezas, un labor no que empregou dous meses de intensa dedicación.
A conexión co ámbito no que se plasma a composición, a interacción co edificio do que forma parte e a utilización de materiais que contribúen a sustentabilidade ambiental foron os aspectos da composición valorados polo xurado e determinantes para a concesión do premio a este artista xeorxiano.
No acto de entrega do premio Juan Francisco Gálvez, vicerreitor en funcións do campus, subliñou o elevado número de proxectos presentados ao certame –máis de 50- e a gran calidade dos mesmos, e amosou o seu desexo de que esta composición, mestura de escultura e grafitti, “sexa do agrado da comunidade universitaria e da cidadanía en xeral”.
O certame está dotado cun único premio de 3000 euros sufragados en virtude dun convenio asinado entre a Universidade de Vigo e a Agrupación de Libreiros polo cal se destina o 5% de cada libro que adquire a biblioteca do campus nos establecementos do colectivo a proxectos culturais. A presidenta da agrupación, Pilar Rodríguez, pola súa banda, cualificou de “xenial” a proposta de Makharadze para a fachada da biblioteca e valorou da iniciativa “a súa capacidade para recuperar un espazo que estaba en desuso”. Ao acto asistiron tamén Aurelio Gómez Villar, Francisco Negro e José Manuel García, vicepresidente, secretario e vogal, respectivamente, da agrupación de libreiros. O flamante gañador xa comezou a traballar sobre o muro que a organización lle presentou branqueado e listo para realizar sobre el o proxecto –o material e as estruturas necesarias para levalo adiante van por conta do artista-.

Continuar polo camiño da escultura

Lasha Makharadze estudou Belas Artes na modalidade de pintura no seu país de orixe, Xeorxia e, na actualidade, cursa o segundo ano na Escola de Arte Francisco Alcántara de Madrid por escultura. Unha realidade subliñada polo artista que recoñece que o feito de ter recibido este premio o anima “a continuar por este camiño con máis ganas e ilusión”.