DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alberto Gago, reitor da Universidade de Vigo:

“As tres novas titulacións exclusivas do campus de Ourense abren un escenario novo, distinto e máis ilusionante”

Os docentes do Departamento de Física Aplicada verán incrementada a súa carga docente nun 2% coas no

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Raquel Feijóo DUVI 05/11/2009
“Un escenario novo, distinto e máis ilusionante”. Así cualifica o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, o feito de que o campus de Ourense dispoña de tres titulacións exclusivas no vindeiro curso académico: Enxeñaría Agrícola, Ciencias Ambientais e Consultoría e Xestión da Información. Polo que respecta á substitución de Física por Ciencias Ambientais, o reitor asegurou que o futuro dos grupos de investigación de Física “está garantido dentro da universidade”, e dixo tamén que a súa actividade docente do Departamento de Física Aplicada verase incrementada pasando dos 174 créditos que imparten actualmente a 184. “O encargo que vai derivar dos títulos novos para o departamento de Física Aplicada é maior que o encargo que tiña ata este momento, cun incremento do 2%”, afirmou.
Alberto Gago confirmou que dos catro novos graos aos que deu luz verde o Consello Galego de Universidades a pasada semana, dous implantaranse na Universidade de Vigo: o Grao en Enxeñaría da Enerxía no campus de Vigo e o Grao en Ciencias Ambientais que se impartirá en Ourense. O reitor cualificou o resultado de “satisfactorio” para a Universidade de Vigo “porque o Consello Galego asumiu as propostas que lle presentou esta Universidade”. Pero en particular, e para o Campus de Ourense, “o resultado e, se cabe, un pouco máis satisfactorio, porque supón pasar de non ter ningunha titulación exclusiva en Galicia a ter tres. E esta é unha condición fundamental para o futuro de calquera campus periférico con respecto ás tres metrópoles universitarias”, subliñou.

“Aquí quédalles moito por facer aos profesores de Física”

A posibilidade apuntada por algúns grupos de investigación daquela facultade de crear un instituto tecnolóxico segregado da institución académica foi outro dos temas tratados polo reitor, que o abordou en termos académicos e de investigación. “No sistema universitario español un instituto de investigación non se crea para segregarse de nada. Créase porque hai masa crítica, boa investigación e uns obxectivos colectivos de lograr mellores resultados”. Gago cre que en Física “hai masa crítica, e tamén bos grupos de investigación, pero gustaríame que non se enunciara tendo como obxectivo segregarse de nada”. O reitor explicou tamén que o plan de estudos de Ciencias Ambientais prevé unha carga lectiva de 184 créditos para o departamento de Física Aplicada, fronte aos 178 créditos que impartía ata o de agora. “É dicir, incrementan a súa presenza docente. Aquí quédalles moito por facer aos profesores de Física, afortunadamente. Haberá oportunidade de traballar arreo neste campus e na nova oferta de titulacións”, afirmou.

Un programa propio de captación e consolidación de investigadores

Na xuntanza do Consello de Campus, celebrada hoxe, os seus membros valoraron positivamente os resultados do ránking SCImago de produción científica en España, que sitúa á Universidade de Vigo no posto número 15 a nivel bruto en produción científica, e no posto número 14 en impacto internacional, o que a convirte na primeira universidade galega por diante da Universidade de Santiago (que ocupa o posto número 20) e da Universidade de A Coruña (no posto número 46). “Reflexionamos no Consello de Campus sobre a importancia destes resultados e o feito de que a Universidade de Vigo teña un programa propio de captación e consolidación de investigadores que nos permitiu, dende o ano 2005, incorporar a 75 novos doutores acreditados por esta vía”, subliñou o reitor. Os membros do Consello de Campus coincidiron, xa que logo, na necesidade de manter a demanda de financiamento para estes programas de captación de investigadores “e incluso, se non fose atendida, para mantela cos fondos da Universidade de Vigo”, sinalou Gago.