DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A campaña de recollida de comida e xoguetes xa está aberta no campus de Ourense

Tres opcións para demostrar solidariedade este Nadal

Na Biblioteca as horas de estudo transfórmanse en euros para unha escola de Senegal

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 23/11/2015

As festas de Nadal están próximas no calendario e para que esas datas sexan o máis felices para todos e todas, especialmente para as persoas e familias que están pasando momentos difíciles, entidades como Cruz Vermella e o Banco de Alimentos están no momento álxido de recollida de doazóns. Como cada ano, o campus de Ourense súmase a elas habilitando nos diferentes edificios carriños para poder deixar alimentos non perecedoiros e xoguetes que serán entregados a estas entidades benéficas.

Preferiblemente aceite, leite, conservas e embutidos

“Para o campus de Ourense é unha honra colaborar con estas entidades. A comunidade universitaria implícase cada ano na recollida de alimentos e xoguetes e este ano non podía ser menos. Temos sempre a man tendida para colaborar en accións solidarias, sexa en Nadal ou ao longo do ano”, comentou Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, na presentación este luns da campaña. A participación universitaria nesta iniciativa, subliñou Cecilio Santalices, presidente do Banco de Alimentos Ourense, “xa é unha tradición consolidada” que este ano se agarda consiga cando menos igualar os 900 quilos recollidos o Nadal pasado. Os alimentos xuntados, comentou Santalices, sumaranse aos fondos do Banco de Alimentos, entidade que atende a arredor de 15.000 persoas na provincia de Ourense a través de 78 entidades coas que colabora. Pola súa banda, Victoria Rodríguez, coordinadora de Cruz Vermella Xuventude en Ourense, salientou a importancia da recollida de xoguetes para que os nenos e nenas poidan este Nadal vivir a ilusión de abrir agasallos.

A campaña de recollida de alimentos non perecedoiros, iniciada o pasado 16 de novembro no campus, desenvolverase ata o 18 de decembro. Desde o Banco de Alimentos salientan que preferiblemente necesitan aceite, leite, conservas, embutidos e, polas datas sinaladas que se achegan, produtos de Nadal. A campaña de recollida de xoguetes e libros, iniciada o mesmo día, desenvolverase ata o 15 de decembro, para poder realizar a clasificación do material doado. Desde Cruz Vermella salientan que os xoguetes deben ser non bélicos e non sexistas e novos, para que os nenos e nenas reciban os xoguetes nas mesmas condicións que calquera outro neno e nena. Os puntos de recollida están habilitados na entrada de practicamente todos os centros do campus, concretamente colocáronse carriños nos edificios de Ferro, Politécnico e Xuridico-Empresarial, na Biblioteca, no Pavillón de Deportes e na Unidade Administrativa. O obxectivo é facilitar que a comunidade universitaria e todas as persoas interesadas poidan facer as súas achegas ao longo das vindeiras semanas. Os alimentos recollidos serán entregados ao Banco de Alimentos de Ourense e os libros e xoguetes a Cruz Vermella Ourense.

Continúa aberta a Olimpíada Solidaria

Como cada ano por estas datas, o campus de Ourense tamén está a participar desde o pasado 5 de novembro na Olimpíada Solidaria de Estudo, a campaña internacional de recollida de fondos para proxectos educativos en países do Sur. Ata o 5 de decembro, as horas dos estudantes na Biblioteca Rosalía de Castro transformaranse en diñeiro para mellorar unha escola de Senegal e a alimentación do seu alumnado. O único que teñen que facer os participantes é apuntar nunha folla habilitada na entrada do centro o número de horas de estudo realizadas e diferentes entidades públicas e privadas que patrocinan esta Olimpíada transformarán esas horas en euros reais. Co seu esforzo, o alumnado do campus de Ourense estará apoiando un proxecto que pretende mellorar a situación dos nenos e nenas da escola Omar Ibn Khatab en Malicounda, de Senegal. Ata o momento, levan participado nesta edición no campus de Ourense 148 persoas que rexistraron 952 horas de estudo que se converterán noutros tantos 952 euros.