DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os equipos do campus de Ourense perderon esta fin de semana os encontros disputados

Tres partidos de baloncesto, tres derrotas

O conxunto feminino loitaba por recuperar o liderado da súa categoría

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 18/02/2013

Esta fin de semana só disputaron encontros de liga os equipos de baloncesto do campus de Ourense e os resultados non foron os agardados. As tres categorías do Universitario Campus de Ourense perderon os seus repectivos partidos da xornada. As xogadoras ourensás foron as máis prexudicadas por estes resultados negativos, xa que optaban a recuperar o liderado da primeira división autonómica. De momento, deberán conformarse con manterse nun segundo posto na táboa á espera de poder de novo arrebatarlle o primeiro lugar ao Calasancias.

Sen vitorias en baloncesto

O Universitario Campus de Ourense sénior feminino xogou contra o Calasancias o sábado nun disputado encontro que rematou cun marcador final de 55-57 puntos que dá conta do igualado que foi o partido entre os dous equipos. O Calasancias comezou o encontro co obxectivo de manter o primeiro posto na liga e o conxunto ourensán co obxectivo de arrebatarllo. Co resultado obtido, cada un dos equipos mantén as súas posicións e haberá que agardar a vindeiros encontros para ver cal deles se consolida finalmente ao fronte da táboa. As xogadoras ourensás manteñen, tras 12 partidos xogados, oito vitorias e catro derrotas, as súas aspiracións.

Nas categorías masculinas os resultados foron igualmente negativos. O Universitario Campus de Ourense sénior de baloncesto perdeu o sábado o encontro disputado contra o Reale Thebes por 59-61 puntos. A pesar do igualado marcador, os ourensáns non puideron acadar unha vitoria que lles houbera servido para rachar a mala xeira de resultados das últimas xornadas de liga. Con esta derrota, o equipo universitario mantense na décima posición na táboa, con 14 encontros disputados, cinco vitorias e nove derrotas. Por último, o equipo júnior tamén perdeu o seu encontra da fin de semana. O Campus Ourense Blanco Amor acadou un marcador de 35-77 puntos contra o Instituto Rosalía e mantense deste xeito nun décimo lugar na táboa, con trece partidos xogados e unha soa vitoria.

Sen partidos en rugby

Polo que respecta ás competicións de rugby, esta fin de semana non se disputaron encontros. O Campus Ourense Rugby sénior masculino xogará a vindeira fin de semana contra o CD Zalaeta na doceava xornada de liga. Pola súa banda, a categoría sub-18 do club non volverá a disputar un encontro de liga ata o 3 de marzo, cando se enfrontará ao CR Lalín na oitava xornada de liga.