DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os comicios ficticios forma parte da materia de Teoría e técnica da propaganda electoral

Tres partidos políticos de CCSS e da Comunicación xóganse a "Presidencia da Xunta"

Novas Ideas, ZAS e PAI son os grupos que concorren ás eleccións

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 15/05/2009

Hai case un mes que Alberto Núñez Feijóo tomou posesión do seu cargo como presidente da Xunta. Sen tempo para que se cumpran cen días para facer valoración do seu mandato, xa ten unha crúa competencia en tres partidos de recente creación: Novas Ideas, PAI e ZAS. Partidos ficticios, pero inmersos nunha campaña moi real que forma parte da materia de cuarto de Publicidade e Relacións Públicas, Teoría e técnica da propaganda electoral.
“A campaña é unha simulación, un xogo de rol a través do que os alumnos desenvolven os contidos da materia”, explica o profesor Xosé Rúas. Aspectos teóricos, como a publicidade electoral, as estratexias dos mitins ou os diferentes esquemas para os debates electorais son levados á práctica nesta batalla por acadar a Presidencia da Xunta. Hai virtualidades que imitan á propia realidade e a través do desenvolvemento desta actividade os estudantes decataranse “de que é posible facer unha boa comunicación pero unha mala campaña, ou de que este aspecto non garante o éxito porque tamén hai que conseguir mobilizar o electorado”, apunta Rúas. Xa que forma parte da materia, os resultados das eleccións non serán unha simple victoria moral para o partido gañador. Un punto da nota final (unha porcentaxe escollida polos propios alumnos) está en xogo.
Unha das primeiras regras ás que os partidos se ateñen é a aproximación aos seus electores e, por iso, aínda que o obxectivo é a Presidencia da Xunta, tratan temas relacionados coas preocupacións do seu electorado como a igualdade, o medio ambiente ou o voluntarismo. Tanto alumnos, como profesores e PAS do centro están chamados o vindeiro día 27 para emitir o seu voto. Antes, o luns 18 todos terán a oportunidade de escoitar os programas dos partidos grazas a un debate electoral que se celebrará na facultade.

Completos programas elaborados para a ocasión

Suevia Ansede, por Novas Ideas; Fátima Rodríguez, por ZAS; e Laura Fernández por PAI (Partido Alternativo de la Izquierda) son as tres candidatas a presidir a ficticia Xunta destas eleccións. Para conseguilo, os partidos teñen elaborado completos programas nos que declaran a súa posición e anuncian as súas promesas. Así, Novas Ideas “intenta desmarcarse da dicotomía dereita e esquerda para centrarse no realmente importante: os cidadáns”; mentres que ZAS se presenta como “unha formación política de centro esquerda ao servizo dos intereses da comunidade universitaria na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación”.
Entre as medidas para garantir o cumprimento das medidas propostas, os grupos idearon ferramentas como a que compromete a Novas Ideas “a cumprir todas as promesas e, no caso de non cumprir algunha, o partido será penalizado cunha amonestación que suporá unha perda do 10% do salario dos compoñentes do partido político”. Como melloras para o propio centro, ZAS aposta pola apertura da biblioteca nos períodos de examen as 24 horas do día ou a mellora das instalacións deportivas, ao tempo que para Galicia promove “a racionalización do gasto sanitario e a mellora da eficiencia do sistema”, “a redución do fracaso escolar” ou a “redución en hipotecas e aumento das facilidades na adquisición da vivenda por parte dos desempregados ou xubilados”.