DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 20 ao 24 de outubro na Casa das Campás

Tres perspectivas sobre os malos tratos ás mulleres no I Foro de Educación contra a Violencia de Xénero

O prazo para realizar a inscrición remata este venres

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 16/10/2008

Crear un espazo de reflexión permanente, de experiencia e debate sobre un problema que afecta a toda a sociedade é o obxectivo do I Foro de Educación contra a Violencia de Xénero que se celebrará na Casa das Campás do 20 ao 24 de outubro. Organizado pola Área de Extensión Cultural e Estudantes, en colaboración coa Vicerreitoría e a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Xunta, o foro pretende dar resposta a "unha necesidade social, aínda que só sirva para reflexionar", apuntou Ana Belén Fernández Souto, responsable da área, na presentación das xornadas.
Pola súa banda, a directora das xornadas, Herminia Dios, afondou na razón de ser do curso, asegurando que "fálase moito de educación, pero ás veces esquecemos a parte non-formal da educación, a que fala de valores, respecto á diferencia, tolerancia…aí é onde queremos facer fincapé”, indicou a psicóloga. Dios tamén destacou a necesidade de que as charlas sexan interactivas "queremos que a comunicación vaia nos dous sentidos porque se trata de crear un espazo de reflexión e debate sobre un tema que nos afecta a todos”.

Tres perspectivas sobre os malos tratos

As ponencias abordarán diferentes aspectos da cuestión como a importancia da educación, o tratamento da figura feminina na comunicación e na publicidade ou a protección que a lei ofrece ás mulleres vítimas de malos tratos. Así, o primeiro día do encontro estará adicado á falar da educación en valores, o interculturalismo e a convivencia pacífica da man do doutor Jorge Soto e de José Manuel Touriñán, catedrático de Pedagoxía. O martes será o turno do ámbito da comunicación e da publicidade. As profesoras da Universidade de Vigo Cristina Caruncho e Purificación Mayobre achegarán a súa visión sobre o tratamento que neste campo dáselle a muller. Ao día seguinte, o catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, Jaime Cabeza, introducirá aos participantes no foro na protección que a lei contempla para os casos de malos tratos e, a continuación, un oficial do Corpo Nacional de Policía e a Xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller, Lucía Muradas, contarán como é o día a día desde as súas posicións, moi próximas ás mulleres. Nas últimas xornadas deste I Foro de Educación contra a Violencia de Xénero achegarase a experiencia pedagóxica realizada no Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar cun cine fórum. O encontro rematará cunha mesa redonda.

Este venres remata o prazo de inscrición

O prazo de inscrición remata este venres, 17 de outubro, e só quedan libres 10 prazas das 40 ofertadas. A matrícula está aberta a todos os cidadáns e os estudantes da Universidade de Vigo poderán validalo por un crédito de libre configuración. O prezo é de 20 euros, cun desconto do 25% para os membros da comunidade universitaria e do 50% no caso do alumnado da Universidade de Vigo que sexa bolseiro. Os lugares habilitados para a entrega da documentación no campus de Pontevedra son o rexistro auxiliar da EU de Enxeñaría Técnica Forestal e a Vicerreitoría. Aqueles que queiran formalizar a súa inscrición desde o campus de Vigo deberán facelo nas oficinas de Extensión Cultural e o rexistro auxiliar da EUET Industrial. No caso de Ourense, a documentación deberá achegarse ao rexistro do Edificio Administrativo.
A ficha de inscrión e programa do foro pode descargarse en www.extension.uvigo.es