DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As propostas presentadas á convocatoria de espazos serán avaliadas por un panel de expertos

Tres proxectos optan a estrear a preincubadora universitaria

As ideas seleccionadas beneficiaranse de balde dun local na Piuvi-Tecnópole Ou

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 30/04/2013

Este luns rematou o prazo para presentarse á convocatoria de espazos na nova preincubadora universitaria do campus de Ourense Piuvi-Tecnópole Ou. Finalmente son tres os proxectos presentados que optarán a instalarse nalgúns dos niños que se habilitarán nas instalacións do Parque Tecnolóxico de Galicia. As candidaturas serán sometidas a avaliación e as ideas emprendedoras escollidas obterán de balde un espazo para o seu desenvolvemento, ademais de beneficiarse de actividades de formación e asesoramento gratuítos.

Os tres proxectos presentados á convocatoria seguirán agora un proceso de avaliación. Haberá unha primeira entrevista persoal a todos os candidatos e candidatas realizada por un panel de expertos na que se avaliará a idea e a súa adecuación á convocatoria. Posteriormente unha comisión de selección estudará os proxectos finalistas e escollerá aos gañadores. Os emprendedores e emprendedoras que superen este proceso de selección poderán ocupar un niño na Piuvi-Tecnópole Ou por un período de 6 meses prorrogable ata un ano e estarán ubicados na sala de "coworking" da Tecnópole ou en locais libres do edificio CEI, atendendo ás necesidades de cada proxecto. O Parque Tecnolóxico de Galicia subvencionará o 100% do canon de uso das infraestruturas nas súas instalacións, o uso gratuíto da wifi, o consumo de electricidade e o acceso a servizos comúns. As persoas gañadoras dos espazos tamén se poderán beneficiar de actividades de formación e asesoramento gratuítos ofertados pola Cámara de Comercio e Industria de Ourense e pola Confederación de Empresarios de Ourense. Unha vez constituída a empresa, o emprendedor terá un prazo máximo de catro meses para abandonar a preincubadora.

Lembrar que os proxectos que podían optar a esta convocatoria debían ser individuais ou dun grupo cun máximo de catro membros, que necesariamente tiñan que estar matriculados na Universidade de Vigo en estudos de primeiro, segundo ou terceiro ciclo, grao ou mestrado, ou ser titulados pola Universidade de Vigo no curso 2009/2010 ou posteriores. As ideas podían proceder de calquera das ramas de coñecemento contidas nos plans de estudo da Universidade, como son Artes e Humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas e Enxeñaría e Arquitectura.