DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os seus autores son egresados da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo

Tres traballos sobre solvencia, turismo e capital humano copan os premios do Colexio de Economistas

O acto de entrega contou cunha conferencia de José Luis Abelleira, director xeral de EVO Banco

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 28/11/2013

Unha análise da evolución da solvencia das empresas a través do Estado de Fluxo Efectivo, concretamente no eido da automoción; un estudo de casos de capital intelectual en empresas galegas e unha avaliación da imaxe de destinos en Galicia a través de Internet. Estes son os tres traballos fin de grao da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense galardoados co I Premio de Investigación do Colexio de Economistas de Ourense. Os seus autores recolleron este xoves os premios nun acto que contou tamén cunha conferencia de José Luis Abelleira, director xeral de EVO Banco.

Elena Rivo, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; Alberto Vaquero, director da Área de Descentralización do campus de Ourense; Manuel Baltar, presidente da Deputación Provincial, e Guillermo Díez, decano do Colexio de Economistas de Ourense, como representantes das entidades implicadas neste galardón, foron os encargados de entregar os premios. Todos eles coincidiron en destacar a importancia de relacionar á universidade coas institucións da contorna e de recoñecer o esforzo académico e investigador do seu alumnado máis brillante.

Traballos fin de grao

Mercedes Seoane, graduada en Administración e Dirección de Empresas neste centro, recibiu o primeiro premio do I Premio de Investigación do Colexio de Economistas de Ourense polo seu traballo fin de grao Análise da evolución da solvencia das empresas a través do EFE (Estado de Fluxo Efectivo). Caso particular da automoción en Galicia. Na súa investigación, a egresada do campus de Ourense fixo un estudo sobre a eficacia desta nova ferramenta contable introducida en España en 2007. “Segundo a miña análise, este estado é máis efectivo que os métodos tradicionais de balance, perdas e ganancias, porque permite ver se realmente na empresa hai efectivo, se está entrando diñeiro e hai liquidez, que tal e como está a situación económica é o realmente importante”, salientou Seoane.

Pola súa banda, Gabriel Alonso acadou un accésit do premio co seu Estudo de casos de capital intelectual en empresas galegas. Analizando o capital humano de numerosas empresas da contorna de Ourense e Vigo, desde o Grupo Coren ata Adolfo Domínguez, este egresado en Administración e Dirección de Empresas detectou que “as empresas intensivas en capital intelectual aínda non son moi conscientes de como xestionar este capital. Deberían pór en práctica novas estratexias para acadar un mellor rendemento do seu persoal”. O outro accésit do I Premio de Investigación do Colexio de Economistas de Ourense foi para Leticia Fernández, graduada en Turismo, polo seu traballo Avaliación da imaxe de destinos en Galicia a través de Internet. Nel, a egresada analizou o contido de 53 webs de comarcas galegas e o seu enfoque turístico. “O que detectamos foi sobre todo unha falla de coordinación entre elas e como a imaxe que transmiten non vai acorde coa que quere fomentar Turgalicia. Cada axente vai por libre e non hai unha harmonización e coherencia na oferta”, apuntou Fernández.

A historia de EVO Banco

Ademais de asistir a esta recollida de galardóns, o acto contou cunha conferencia do director xeral de EVO Banco. José Luis Abelleira explicou a reestruturación bancaria sufrida en España nos últimos anos e a traxectoria da súa entidade desde a súa posta en marcha hai un ano e medio. Recoñecendo que EVO Banco naceu no peor momento posible e que tivo que reestruturarse e reinventarse ao mesmo tempo que nacía, Abelleira salientou o bo momento que vive a entidade na actualidade e despois de ser mercada polo fondo de investimento Apollo. Segundo indicou a súa cifra de clientes chega hoxe en día a 196.000, clientes que, destacou, veñen en case un 40% recomendados por outros clientes e que teñen un índice de satisfacción e confianza na empresa moi alto. Co sistema bancario español aínda en fase de cambios e co sistema financeiro europeo traballando pola súa integración, José Luis Abelleira subliñou que “en momentos de reestruturación de sectores tamén é bo momento para reinventalos e para crear novas empresas” e puxo como exemplo o banco que dirixe.