DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Consello da Xunta aprobará este xoves o Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento

As tres universidades galegas apelan ao consenso na sinatura do Plan de Financiamento

Salustiano Mato salienta a necesidade de cumprir prazos de cara ao 30% de financiamento por resultad

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 21/12/2010

Tras o acordado o pasado día 10 no Consello Galego de Universidades, o reitores das tres universidades galegas ratificaron este martes coa Xunta de Galicia o Plan de Financiamento do SUG. Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, José Mª Barja, reitor da Universidade de A Coruña e Juan Casares Long, da de Santiago de Compostela, asinaron o plan para o quinquenio 2011-2015 e coincidiron en remarcar a necesidade de entendemento entre as tres institucións para pactar un documento que faga fronte á crise económica. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo remarcou tamén esta postura dialogante e recoñeceu “pautas diferentes e códigos distintos entre as universidades e a Administración” pero amosouse satisfeito polo acordo, asinado xunto cos conselleiros de Facenda, Marta Fernández Currás, de Economía, Javier Guerra e de Educación, Jesús Vázquez.

Salustiano Mato explicitou o seu apoio ao plan pero pon o acento no 2015, cando agarda que se cumpran os compromisos da Xunta e o financiamento por obxectivos e por resultados acade o 30% ao tempo que aposta pola cooperación e a unión de forzas entre as tres institucións en tempos difíciles. “Apoiamos este plan e coincidimos co discurso da Xunta valorando moi positivamente o financiamento en función da eficiencia e da calidade” que permitirá un sistema universitario máis equilibrado, realista e estable. Con todo e, a pesar de que “todos apelamos ao consenso” explica Mato, tras as renuncias iniciais para este 2011 por unha cuestión de prazos que permitise sacar adiante o financiamento, o reitor da Universidade explica que este 2011 é o “ano cero”, que comeza sen moitos cambios pero coas expectativas postas xa no 2012 e nos seguintes anos, “porque non podemos seguir apelando ao consenso ano tras ano”. “A nosa preocupación a partir de agora é velar porque se cumpran os prazos para acadar esta meta, porque se vaia aplicando a letra do plan dende agora e ata o 2015” apunta Mato.

O presidente da Xunta recoñeceu o esforzo dos tres reitores por garantir a estabilidade orzamentaria e salientou que “sen esa vontade de colaboración, de diálogo e de entendemento non serían posibles ningún dos destacados logros que se conquistaron nos últimos tempos, desde o recoñecemento internacional ao Campus Vida e ao Campus do Mar ou a rápida adaptación das titulacións ao Plan Boloña”.

Pola súa banda, o reitor santiagués, Juan Casares Long, que interviu no acto en nome das universidades, indicou que os tres reitores asumen "de forma responsable" o compromiso co Plan de Financiamento, conscientes das dificultades económicas actuais e dos "recursos limitados e escasos" que "servirán de indicador do esforzo". Así, tanto os responsables universitarios como o goberno autonómico aposta porque a solución a moitos dos problema actuais para polas universidades como xeradores de coñecemento e innovación. O reitor vigués valorou moi positivamente a actitude da Xunta que, segundo explica, “demostra que confía nas universidades para o desenvolvemento do país”.

Comeza o “ano cero”

O Plan de Financiamento asinado este martes comprende un montante total para o período 2011-2015 de 2100 millóns de euros para as tres universidades galegas. Como xa se acordou no Conselle Galego de Universidades, para o 2011 o orzamento para o SUG é de 390 millóns de euros, dos que Vigo percibirá un total de 102 millóns. Aínda que a Universidade de Vigo tiña reclamado unha porcentaxe maior de financiamento en función da eficiencia, para este 2011 mantéñense os “repartos históricos” pero co compromiso de aumentar os fondos variables ano a ano ata acadar un 30% en 2015, un compromiso que neste acto de sinatura asumiu o presidente da Xunta como un cambio de filosofía. Así, e como punto de partida para o cambio, neste vindeiro ano manteranse as porcentaxes que supoñen un 43,3% para a Universidade de Santiago de Compostela, un 29,7% para Vigo e un 27% para A Coruña. Ademais, Alberto Núñez Feijóo comprometeu “un exercicio de ambición” para cumprir o obxectivo de que o Executivo galego destine ao sistema universitario o 1% do PIB de Galicia no mesmo 2015.

Plan Galego de I+D+i

Asinado xa o Plan de Financiamento do SUG, ante de final de ano á Xunta de Galicia quédalle pendente aprobación do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015. Segundo anunciou Núñez Feijóo, o Plan de I+D+i será aprobado este vindeiro xoves 23 no Consello da Xunta, un documento imprescindible “nun momento en que Galicia se propón saír de novo á superficie e reivindica o protagonismo da súa universidade para conseguilo; calquera sociedade se marchitaría sen o entusiasmo colectivo das súas universidades”.

Salustiano Mato amosou tamén o seu apoio á estratexia de I+D+i da Xunta, “xa que todas as nosas suxestións previas foron tidas en conta” pero reclamou propostas concretas que permitan a implementación deste plan, unha liñas de actuación e metodoloxías definidas, “para o que estamos á disposición da Xunta”, que permitan despexar as “incertezas da comunidade investigadora”.