DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As tres universidades galegas e FEUGA abandeiran unha experiencia pioneira na transferencia de coñecementos

Un "tecnomeeting" puxo en contacto a investigadores coa empresa de enerxías renovables Capital Energ

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 30/09/2008

Investigadores das tres universidades galegas e FEUGA participaron este martes nunha experiencia pioneira no eido da transferencia. Un tecnomeeting permitiulles unha posta en común aos científicos que traballan no eido das enerxías renovables coa empresa Capital Energy, que lles presentou as súas liñas de traballo neste campo e as previsión de necesidades tecnolóxicas, centrándose nas súas actuacións presentes e futuras en Galicia. Segundo explicou o reitor, Alberto Gago, “a dificultade da transferencia de coñecementos reside en poder poñer en contacto dúas entidades tan distintas e con dous ritmos de traballo tan diferentes como son empresas e universidade, e nisto estamos inmersas as tres institucións galegas, sobre todo nos últimos 10 anos”. Esta é a aposta de futuro para as institucións académicas neste novo século, inserirse na súa contorna establecendo unha relación estable con empresas e administracións públicas. Neste sentido, Javier López, director da Fundación Empresa Universidade Galega, FEUGA, salientou que este tecnomeeting “é unha experiencia piloto que vai permitir achegar capacidades no ámbito da investigación ás empresas”.

As enerxías renovables, un campo estratéxico

A posta en común entre científicos e Capital Energy centrouse nas enerxías renovables, campo no que traballa esta empresa e que o reitor quixo destacar como “estratéxico para as tres universidades galegas, que acabamos de constituír EnergyLab, o Centro Internacional de Eficiencia e Sostibilidade Enerxética, que terá a súa sede no campus de Vigo”. De feito, este campus é o que conta cunha maior densidade de grupos de investigación en toda Galicia na área de enerxías limpas e no que se refire a xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica. “Para nós, este é un aspecto estratéxico, por obrigación e por devoción”, subliñou Gago. Con este tipo de actos ponse en contacto aos investigadores coas empresas, de xeito que estes poidan coñecer as demandas para innovar e investigar neste eido.

Capital Energy

Empresa de capital privado nacida en 2002, Capital Energy está presente en case todas as comunidades autónomas e, na actualidade, está inmersa nun proceso de expansión internacional que a sitúa en Romanía, Polonia, Bulgaria, Hungría, México e Chile. Segundo explicou o seu director de Promoción e desenvolvemento de proxectos, Pablo Pestano, o seu ámbito de actuación inclúe a “promoción, construción, explotación e mantemento de parques eólicos mariños e terrestres, parques solares fotovoltaicos e termoeléctricos, plantas de biodiesel en terreos portuarios e plantas de biomasa”.
Con todo, a empresa é referente sobre todo no campo da enerxía eólica mariña e os seus proxectos superan os 1700 MW. En Galicia, o seu ámbito de actuación céntrase principalmente na enerxía procedente do mar e na biomasa. “A enerxía procedente das olas e as mareas constitúen un dos obxectivos fundamentais da nosa actividade futura, pero debemos ter moi en conta a compatibilidade cos usos tradicionais do mar”, destacou Pestano. Neste sentido, explicou que “o tema eólico está esgotado e no mar hai moito por desenvolver: prototipos, análise de localizacións e tecnoloxías de conversión en enerxía eléctrica, un campo que aínda é embrionario”.
No que se refire á biomasa, Galicia conta cun importante potencial polas súas condicións climáticas “pero este aproveitamento require necesidades tecnolóxicas e o sector presenta un amplo marxe de mellora”, para o que emprazou aos investigadores a colaboracións futuras.