DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Científicos de prestixio defenden o uso da lingua en todos os ámbitos

As tres universidades galegas reivindican xuntas o galego na ciencia

Lanzan unha campaña colectiva para promover e fomentar o uso da produción literaria científica no id

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 10/06/2010
A lingua galega é valida para todos os eidos e o contrario só pode ser froito da ignorancia ou da mala fe. No caso da divulgación científica o único requisito é empregar a lingua da xente que quere escoitala. Partindo destas premisas e cun obxectivo claro de erradicar preconceitos e complexos de inferioridade do tipo o galego para as letras e o castelán para as ciencias, as universidades galegas están a impulsar xuntas a campaña En galego tamén se fai ciencia, un traballo colectivo vertebrado arredor dunha páxina web con testemuñas dalgúns dos nosos científicos máis prestixiosos que reivindican e exercen un uso normal do galego no seu día a día.
Froito do traballo de numerosas persoas e institucións, tal como destacou o vicerreitor de Relacións Institucionais en funcións Iván Area, a campaña recolle unha serie de vídeos de científicos galegos “algúns na emigración”, especificou, “se ben existen argumentos comúns a todos e a todas, en particular referidos ás vantaxes do plurilingüismo”, ao tempo que defendeu o posicionamento da comunidade científica en temas coma o idioma.
Na presentación da campaña Area, que defendeu que a lingua galega é apta para todas as disciplinas e que se non é así perde tanto a diversidade cultural, coma os galegos e a propia ciencia, estivo acompañado polos responsables de Normalización Lingüística das universidades de Vigo e Santiago de Compostela, Xose Henrique Costas e Manuel Núñez Singala; o secretario xeral da Universidade da Coruña, Carlos Amoedo; a directora da ETSE de Telecomunicación, Edita de Lorenzo e a profesora Iolanda Galanes.

Domingo Docampo e Edita de Lorenzo nos vídeos

Xunto ao vídeo bandeira da campaña, o portal inclúe unha serie de pezas audivisuais onde cada científico de xeito individual achega as súas propias ideas sobre o galego e a ciencia. Este é o caso de Domingo Docampo, profesor do Departamento de Teoría do Sinal e ex-reitor da Universidade de Vigo e Edita de Lorenzo, directora da ETS de Enxeñeiros de Telecomunicacións. Ambos coinciden nas vantaxes de vivir nun lugar onde aprendemos de xeito natural dúas linguas, o castelán e o galego, unha ponte cara o mundo luso africano-brasileiro e cara a penetración no mundo románico.
Segundo explica o ex-reitor vigués, “o galego é a miña lingua materna, que emprego todos os días e que forma parte da miña identidade e personalidade, e non supuxo un problema á hora de progresar na miña carreira profesional”. Ademais, Docampo salienta a necesidade de diferenciar entre “como se fai e como se comunica o labor científico”, destacando a validez do galego, así como de calquera outro idioma para “facer ciencia”.
Ademais, De Lorenzo salienta o pulo que, dende o ámbito das telecomunicacións, estáselle a dar á lingua galega. “Isto é posible grazas á recente creación dun dicionario galego das TIC, que recolle un amplo léxico técnico que facilita a utilización e a propagación do galego neste eido” afirma De Lorenzo.

Críticas ao decreto de plurilingüismo

No acto tampouco faltaron referencias ao decreto de plurilingüismo e o propio Area, matemático de formación, criticou afirmacións sobre que o galego non é apto para materias como as matemáticas, unha afirmación a que se referiu como “parvada”, no senso “máis etimolóxico da palabra, unha acción de alguén que ten unha mente pequena, pero tamén pragmático e ético”, ao que o secretario xeral da Universidade da Coruña engadiu que “hai visos de prosperidade” nos recursos presentados contra a norma.