DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Asinaron un acordo marco de cooperación en materia de docencia, investigación e financiamento

As tres universidades reclaman á Xunta “un esforzo económico” para alcanzar un financiamento do 1,5 do PIB en 2015

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 07/05/2010

Os reitores das tres universidades galegas asinaron este venres un acordo marco de cooperación en materia de docencia, investigación e financiamento no que estreitan lazos e demandan á Xunta “un esforzo económico suficiente” para alcanzar un financiamento do 1,5 do PIB en 2015.
A sinatura deste convenio é froito da “colaboración crecente” entre as tres institucións do SUG que se vén dando nos últimos meses, segundo explicou o reitor da USC, Senén Barro, e que xa foi a aprobado polos consellos de goberno de Santiago e de Vigo e está pendente de ser aprobado polo Claustro da Universidade da Coruña. O acordo sinala a necesidade de potenciar as singularidades de cada universidade e colaborar e apoiarse mutuamente nos proxectos individuais e aposta por unha “política universitaria integral que aumente a complementariedade e cooperación docente e investigadora e dote ás universidades de financiamento adecuado aos seus fins”.
O Sistema Universitario de Galicia, segundo o documento asinado, “é un dos peor financiados do estado” e os tres reitores coinciden en demandar á Xunta de Galicia, mentres non entra en vigor o novo plan de financiamento, un esforzo para que non perdan oportunidades nin se debiliten as súas capacidades docentes, investigadoras e de transferencia. Segundo apuntou o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, o obxectivo é alcanzar o 1,5 do PIB fronte ao 0,75 actual e reclamou tamén un financiamento estrutural estable para a I+D.
Pola súa banda, o reitor compostelán, Senén Barro, salientou que “non podemos facer máis con menos” e puntualizou que desatender as necesidades das universidades “debilita a súa eficacia como institucións imprescindibles e centrais da sociedade”.
As universidades reclaman do executivo autonómico “un firme compromiso” no financiamento e sostén que “Galicia ten dereito de esixirlle aos gobernantes e universidades que traballen dende o diálogo e a cooperación sobre todo no actual escenario económico, para aspirar a ter unha sociedade mellor e máis desenvolvida”. O reitor de A Coruña sostén neste punto que a mensaxe “non é froito dun arrebato” senón que entenderon que “era necesario poñelo por escrito”. Subscribiu esta idea Gago que afirmou que se trata de “trazar unha dirección pola que seguir transitando as administracións sen dar bandazos; facémonos fortes entre todos”. “O máis barato é financiar a cooperación, o que sae caro é multiplicar por tres”, sentenciou Barro.

Investigación e campus de excelencia

Este acordo de cooperación establece tamén a necesidade de que as universidades identifiquen individual e colectivamente as súas potencialidades e especialidades no eido da I+D+i, aquelas que resultan especialmente competitivas e de excelencia. Neste sentido os reitores apuntaron que representa un primeiro paso neste camiño o Campus do Mar de Vigo, o Campus Vida da USC e o Campus de Edificación e Construción Sostibles, da UDC. As tres institucións expresan así a súa vontade de reforzarse mutuamente nas respectivas iniciativas individuais, o que "de inmediato significará a presentación de candidaturas do SUG en próximas convocatorias de Campus de Excelencia".
Ademais impulsarán tres niveis de colaboración, por unha banda no tocante ás infraestruturas de investigación singulares de ámbito autonómico, por outro no relativo a centros singulares de investigación, vinculados a universidades e campus específicos pero dispoñibles en convocatorias abertas para a incorporación de grupos de outras universidades e, finalmente, buscarán fórmulas de cooperación en rede entre unidades estruturais fisicamente non integradas nas estruturas anteriores.

Avances sobre Medicina

Este acordo comprende tamén un reforzamento das relacións na docencia, porque a procura da calidade “esixe cada vez de máis e mellores recursos” polo que se abre a porta a unha oferta compartida de graos, “sen menoscabo da autonomía e da identidade de cada universidade”.
Preguntado polos efectos deste acordo sobre a titulación de Medicina, Barja afirmou que “non estamos renunciando” pero puntualizou que “hai formas de cooperación que non teñen porque ser creando novas infraestruturas”.
Pola súa banda, o reitor da USC explicou que tras o protocolo recente das tres universidades sobre docencia clínica , dixo que se reuniu onte con estudantes de Medicina para indicarlles que “se trata dun documento de bases para un acordo” e dixo que traballan para que os alumnos “poidan seguir a formación clínica con absoluta normalidade” nos complexos hospitalarios de Santiago, Vigo e A Coruña. Non obstante, destacou que “hai que esperar a que existan novos equipos directivos na USC e en Vigo para que poidan seguir avanzado” neste aspecto e explicou que os novos reitores que dirixirán as universidades de Vigo y Santiago “terán todas as opcións e as portas abertas”.