DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun encontro que reuniu aos tres reitores con axentes sociais e económicos

As tres universidades únense ao Foro Peinador para achegar o galego ao tecido empresarial

Acordaron poñer en marcha unha Cátedra de Economía Galega

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 12/11/2010

Tinguir de galeguidade todos os ámbitos da sociedade, este é o obxectivo do Foro Enrique Peinador que busca achegar a lingua propia ao tecido empresarial fomentando o seu uso nas empresas e formando directivos. Ao seu seo veñen de unirse os tres reitores das universidades Galegas, Salustiano Mato, Juan Casares Long e José María Barja, co fin de propiciar o reencontro entre o idioma e as empresas.

Dende as universidades porase a disposición deste obxectivo todas as súas ferramentas e capacidades como institucións educativas para formar aos dirixentes das entidades e poñer en marcha actividades divulgativas. En primeira instancia decidiuse poñer en marcha unha cátedra de economía galega que, probablemente baixo o nome do propio Enrique Peinador, formará cadros empresariais no que atinxe a historia e cultura do país, especialmente no tocante á historia económica de Galicia, dotándoos das ferramentas necesarias que lles permitan actuar en clave galega.

Paralelamente, nesta xuntanza, na que participaron entre outros Carlos Varela, fiscal superior de Galicia, Luis García Mañá, xefe superior de policía de Galicia, Anxo Lorenzo, secretario xeral de Normalización Lingüística e representantes de empresas como Vulcano, Cardama e Academia Postal, acordouse organizar con periodicidade anual un acto de exaltación e posta en valor do galeguismo empresarial e así tamén dar a coñecer as liñas de investigación que nesta materia desenvolven as universidades galegas e as súas aplicacións industriais.

Os reitores coincidiron en subliñar a importancia do diálogo para facer real o encontro entre lingua e economía e avogaron por mobilizar ao empresariado no cumprimento dos obxectivos Plan Xeral de Normalización Lingüística. Neste sentido defenderon a necesidade de “cohesión social e reforzamento da denominación de orixe dos nosos produtos en mercados tradicionais”.