DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No Symposium de Poio

Trescentos expertos debaterán o papel do practicum no marco dunha formación continua

O encontro arrancará o vindeiro luns e rematará o 1 de xullo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 23/06/2009

Trescentos expertos internacionais participarán na décima edición do Symposium de Poio que arranca o vindeiro luns. O practicum é o tema que leva vinte anos concentrando aos asiduos a esta cita que volverán realizar as súas achegas e actualizacións sobre este aspecto da formación académica. Precisamente a súa condición de “proceso que non remata en si mesmo”, como apunta Alfonso Cid, copresidente do Symposium 2009, é o eixo sobre o que xirará unha completa programación integrada por relatorios, mesas redondas e comunicacións.
Os participantes no Symposium están invitados a achegar ideas sobre as características que debería ter o practicum, analizar experiencias de deseño de plans de estudos e presentar exemplos de boas prácticas desta ferramenta formativa. E é que, como explica Cid, “o practicum terá sentido se achega oportunidades de formación, entendida esta como un proceso que non remata en si mesmo”.
Máis aló disto, o encontro de Poio manterá tópicos permanentes na súa reflexión como o papel das TIC no practicum, o emprego de ferramentas e estratexias para avaliar a súa calidade e a das prácticas en empresas ou o seu rol nos convenios internacionais.
O primeiro relatorio da cita de Poio será a que ofrecerá Miquel Martínez, catedrático de Teoría da Educación da Universitat de Barcelona baixo o título A aprendizaxe servizo: bases conceptuais e sentido informativo. Ronald Barnett, do Institute of Education da London University achegará, pola súa parte, unha vision internacional do practicum que completará Miguel Zabalza cunha reflexión sobre os beneficios do practicum na formación. Dos catro relatorios previstos na completa programación de Poio’09 o último será o de Fulvio Longato, da Universidad de Trieste que, cunha intervención que leva por título Formarse na universidade: un novo desafío para as universidades europeas, continuará coa tradición da presenza italiana nestes encontros, xustificada no feito de que o país transalpino “ten un sistema equivalente ao español e podemos beneficiarnos mutuamente”, segundo explica Cid.

Máis de 150 comunicacións

Está previsto que se presenten máis de 150 comunicacións que, xunto ás mesas redondas completan a programación do Symposium. Na primeira delas estudaranse as experiencias prácticas de aprendizaxe servizo coas intervencións de Concha Yaniz (Universidad Deusto), Rafael Mendía, da Fundación Zarbikas, e Roser Batlle, da Fundación Ashoka de Barcelona. Na segunda, o papel do practicum nos plans de estudo será examinado por Eduardo Fuentes, da Universidade de Santiago de Compostela, Ángeles Domingo, da Internacional de Catalunya, Marcos Onofre, da Técnica de Lisboa e José Arellano da Universidad Nacional Autónoma de México.
Ademais, seguindo a tradición de encontros anteriores, estableceranse grupos monográficos de debate e intercambio de experiencias, unha sorte de “practicum por titulacións para atender aspectos específicos de algunhas carreiras”, comenta Cid. A constitución efectiva destes grupos dependerá do número de persoas interesadas neles, que poderán escoller entre áreas como a educación física, os posgraos, a educación secundaria, as ciencias sociais, ciencias da saúde, ensinanza a distancia, convenios internacionais ou a incorporación das TIC ao desenvolvemento do practicum. Para que ninguén perda a oportunidade de coñecer de primeira man estas reflexións a organización “adquiriu o compromiso de realizar actas de cada cita que recollan as conclusións para que estean a disposición de toda a comunidade universitaria”, segundo explica Cid.

Vinte anos de inquedanzas

As raíces dos encontros en Poio, unha organización na que as tres universidades galegas van da man e que conta coa colaboración da Xunta, da Deputación, dos Concellos de Pontevedra e Poio e da Cámara de Comercio, sotérranse na reunión en 1987 dun grupo de expertos “con inquedanzas sobre as prácticas de ensinanza de entón”, recorda Cid. Precisamente un dos relatores desta edición, Miguel Zabalza, é a figura que destaca o profesor da Universidade de Vigo, que o considera “un referente internacional na materia” e a "alma máter" deste proxecto.