DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estefanía Domínguez renovou a medalla prata

O triatleta Óscar Vicente reedita en Valencia o título de campión de España Universitario

Os universitarios vigueses sitúan á Universidade ao máis alto nivel nesta disciplina

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
D. Besadío DUVI 15/05/2012
Era un campionato difícil, tanto polo alto nivel dos participantes, que buscaban nesta proba o seu pase para o mundial universitario, como polas elevadas temperaturas que se acadaron esta fin de semana na localidade valenciana de Puzol, pero ningún destes condicionantes impediu que os triatletas Óscar Vicente e Estefanía Domínguez volveran facerse coas medallas de ouro e prata no Campionato de España Universitario de Triatlón, volvendo situar á Universidade de Vigo ao máis alto nivel nesta disciplina.

“As opción estaban aí”, subliña o seu entrenador, Luis Piña, “pero había un grupo de entre 10 e 12 deportistas que podían ser perfectamente os campións de España, xa que o nivel era moi alto debido aos criterios de selección que se empregaron, que foron moi duros”, engadiu Piña, orgulloso de que os dous representantes da Universidade de Vigo remataran a proba subidos ao podio.

Dúas medallas que renovan a coroa estatal

Baixo un intenso sol de verán, Óscar Vicente amosou o seu potencial cun tempo de 1:00:49 que lle valeu o ouro, compartindo o podio con dous estudantes da Universidade Politécnica de Madrid, Vicente Hernández e Rodrigo González, prata e bronce, que acadaron a meta 17 e 25 segundos máis tarde ca o triatleta galego. “Todos fixemos unha moi boa carreira”, subliña ao seu regreso Óscar Vicente, que admitiu que foi un dos campionatos con máis nivel dos últimos anos, “xa que ao haber o mundial todos nos preparamos a fondo para asistir a estas probas”,engadiu o deportista, que explicou que non foi ata a semana pasada cando o Consello Superior de Deportes lles comunicou que este ano España non acudirá ao Campionato do Mundo Universitario de Triatlón debido a problemas orzamentarios. “Foi unha decepción, xa que a todos nos facía moita ilusión acudir ao mundial”, lamentou, ao tempo que criticou que se retrasase tanto a comunicación desta decisión.

Unha distancia a nado de 750 metros, 23 quilómetros en bicicleta e 5 quilómetros de carreira a pé constituiron o percorrido tanto na categoría masculina como na feminina. “Foi un traxecto moi controlado no que todo se decidiu no percorrido a pé”, engadiu Vicente, que ten xa postos os ollos na súa próxima cita deportiva, que esta vez o levará a Francia, “un circuito profesional patrocinado por diferentes marcas, no que vou ter a oportunidade de compartir cartel con xente de moitísimo nivel”, apuntou, mencionando con especial ilusión a un excompañeiro do equipo da Universidade de Vigo, Javier Gómez Noya.

Por 55 segundos, Estefanía Domínguez foi segunda, cun tempo de 1:07:50, por detrás da atleta da UNED Marta Jimenez que marcou un 1:06:55. Terceira foi Tamara Gómez da Complutense de Madrid con 1:08:26. “Foi unha carreira dura, sobre todo polo contraste de temperaturas que vivimos ao chegar alí”, explicou Domínguez, moi satisfeita por volver subir ao podio. “Saín da auga terceira e loitei ata o final para poder facerme cunha medalla”, explicou Domínguez, ao que engadiu “é unha pena que tanto Óscar coma eu estabamos clasificados para ir ao mundial e, ao final, non poderemos ir”, lamentou en relación a que nesta ocasión o mundial non conte con representantes españois.

O próximo reto será para ela o Campionato Galego de Duatlón “e algunha competición en Europa e, sobre todo, tentarei prepararme ben de cara ao Campionato de España de Triatlón”, engadiu.

Campións "tamén en compatibilizar"

Entre proba e proba, campionato e campionato, Óscar Vicente e Estefanía Domínguez, compaxinan deporte de alto nivel e estudos universitarios. Ambos estudan no campus de Pontevedra, Fisioterapia no caso de Óscar e Ciencias da Actividade Física e do Deporte no de Estefanía. “Non é doado”, subliña o gañador da Medalla de Ouro, “en España compatibilizar ambas cousas é case imposible, debido á falla de axudas”, lamenta. “Por citar un exemplo moi claro é incrible que non se nos faciliten cousas como o cambio de datas en exames”, engade, o tempo que explica que unha vez rematados os seus estudos –“o vindeiro curso se todo sae ben”- se centrará en preparar as Olimpiadas de Río de Janeiro 2016.

No caso de Estefanía Domínguez, estremeña afincada en Galicia, rematou xa a titulación de Educación Primaria, na especialidade de Educación Física e, pese á dureza de compatibilizar ambos aspectos “decidinme a continuar estudantes e matricularme na licenciatura”, engade.