DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Luis Espada despídese da presidencia deste organismo facendo un balance dos últimos dez anos

O Tribunal de Garantías, o que menos expedientes abriu de todas as universidades españolas

O 64% dos sumarios rexistrados corresponden ao alumnado, a maioría procedente do eido tecnolóxico

Etiquetas
  • Vigo
Noemí Rey DUVI 29/06/2011

Peculiar dende o comezo. A Universidade de Vigo non só é a única de España que en lugar de contar cun Defensor Universitario dispón dun Tribunal de Garantías formado por 9 persoas, senón que tamén é a institución na que menos expedientes abriu esta figura que “aplica máis autoridade que poder, máis xustiza que dereito e máis humanismo que burocracia”. Así o explicou Luis Espada durante a presentación do informe do Tribunal de Garantías 1999-2009, un balance das actuacións a instancia de parte e de oficio feitas por este organismo que serviu a modo de despedida da presidencia do ex reitor. “Con esta presentación remata un período moi importante no que o agradecemento que lle debe a comunidade universitaria a Luis Espada é inestimable e impagable”, recordou o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato.

Nestes dez anos, o Tribunal de Garantías abriu 317 expedientes, sempre cunha tendencia á baixa que levou dos 73 sumarios rexistrados no ano 1999 aos 14 do 2009. Unha diminución producida en gran medida pola aposta pola vía da negociación que se desenvolve antes de chegar á apertura do expediente con consultas, entrevistas, intervencións, mediacións e conciliacións: o resultado é que só o 10% das consultas transfórmanse en expedientes, convertendo á Universidade de Vigo na “menos conflitiva” de España. O 64% dos expedientes recollidos corresponden ao alumnado, o 26,8% ao profesorado e o 7,6% ao Persoal de Administración e Servizos (PAS). “Nas universidades europeas o PAS non está incluído no Defensor universitario e aquí, ao tratarse case todo de problemas laborais e ter outra vía de reclamación, a xerencial, a cifra de expedientes ou consultas neste sector é moi baixa”, explicou Espada.

O alumnado foi o que pediu a maioría das 1171 consultas feitas nesta década, con case 8 de cada dez intervencións, seguido dos docentes (16,1%) e do PAS (4,8%). O ano 2003 foi cando máis consultas se rexistraron, con 176, pero a partir de aí o ratio de entrevistas feitas cada ano foi baixando ata as 52 do ano 2008 ou as 82 do 2009 tras un pequeno repunte. Mentres, o 5,7% dos casos nos que foi preciso actuar por escrito e pedir informes acabouse arquivando a causa, fronte ao 82,2% que rematou cunha recomendación: o 37,8% negativa; o 22,5% positiva, o 13,7% informativa e o 9,2% conciliadora.

Exames, notas e carga docente, o máis reclamado

O eido tecnolóxico é o que máis recorre ao Tribunal de Garantías, aínda que as temáticas se repiten: nestes dez anos a maioría das consultas presentadas polo alumnado foi por cuestións relacionadas con exames e notas (62,3%), mentres que no caso do profesorado foi por carga docente e convivencia departamental (34,4%) e no PAS por situacións laborais (39,3%). En caso de dar un paso máis aló e chegar ata a apertura dun expediente, entre o estudantado segue primando a avaliación curricular, cun 55,7% dos casos (lonxe do máximo histórico de 76,9% do 2005), mentres que no caso de docentes e persoal o maior tema de conflito son as prazas, cun 22,6 e un 45,8% das demandas, respectivamente.

Se para algo serviron todos estes anos de traballo do Tribunal de Garantías foi para “eliminar conflitos e para coñecer as peculiaridades da nosa universidade, pequenos detalles para ir corrixindo cousas que pensabamos que estaban ben”, subliñou Espada. Entre as recomendacións feitas por este órgano destacaron a creación dunha unidade de seguimento e control das necesidades e problemas académicos, o protocolo a seguir cando un alumno copia nun exame, o non baixar unha nota cando o estudante reclama, que o horario de prácticas sexa publicado con antelación para que non coincida con teoría, lograr maior obxectividade nas enquisas de avaliación docente indicando porcentaxes de participación ou potenciar o Terceiro Ciclo, entre outras.

Renovación do órgano

O vindeiro 6 de xullo o Claustro da Universidade de Vigo terá que elixir a un novo Defensor Universitario e ao Tribunal de Garantías no que se inclúe. Dende hoxe está aberto o prazo de presentación de candidaturas, abertas a todo o mundo, aínda que xa se teñen “propostas consensuadas” sobre o sustituto de Luis Espada ao fronte desta entidade, como asegurou Salustiano Mato.