DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Paulino Pérez e Bibiana Juanes presentaron o último documental á Asociación Vaipolorío

A triloxía audiovisual do río Gafos

Alumnado de CCSS e da Comunicación gravou todo un ano de imaxes co fin de reflectir os cambios na pa

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 19/01/2012

Valorizar o río Gafos. Con este obxectivo levan traballando da man a Asociación Vaipolorío e a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación dende 2009, producindo pezas audiovisuais comprometidas coa conservación do río e da paisaxe que o envolve. Este xoves o profesor Paulino Pérez, impulsor da colaboración, e a alumna Bibiana Juanes presentaron á asociación un terceiro documental que recolle un ano de imaxes da vida do río Gafos. A diferenza de outros proxectos anteriores, esta nova peza tradúcese “nun excelente traballo profesional levado a cabo polo alumnado de este centro”, explicou Pérez, de aí que Vaipolorío estea decidida a distribuílo “para reivindicar que o río segue existindo”.

Tras o visionado do documental, os membros da asociación, encabezados polo seu presidente Gonzalo Sancho, amosáronse moi satisfeitos co resultado final e coa mensaxe reivindicativa sobre a falta de respecto do home coa contorna, “reflectindo as consecuencias das obras do AVE na paisaxe ou os vertidos de lixo que se acumulan na beira do río”, exemplificou o presidente. O documental tamén afonda nos cambios do río ao longo das catro estacións con "imaxes preciosas" da néboa en inverno, da redución do caudal en verán ou do renacer das especies en primavera, “recollendo á perfección a flora e fauna”. Como consecuencia, Vaipolorío ten a intención de embarcarse na producción dun cuarto documental “xa que a pesar de ser estudantes, teñen un aire moi profesional e son quen de adaptarse para crear unha simbiose con nós e aprender xuntos”, engadiu o presidente.

Unha experiencia completa

Os verdadeiros protagonistas de este proxecto son Bibiana Juanes, Ana Eiras, Alba Roca, Inma Vilanova, Alberto Álvarez, Adrián Carrón, Pablo Lamosa, Pablo Pecatiello, Antía Miranda, Óscar Varela, Tati Trillo e Iria Vello, titulados e estudantes de último curso de Comunicación Audiovisual. O compromiso de crear un produto que reflicte a evolución do río durante un ano “obrigounos a manter unha constancia de traballo durante todo o curso, asumindo por primeira vez a responsabilidade dun proxecto tan a longo prazo”, sinalou Bibiana Juanes, voceira do grupo. Así o documental converteuse “nunha experiencia completa” ao ter a capacidade de decidir libremente, a oportunidade de traballar con material audiovisual case todos as fins de semana e de contar coa colaboración de actores, como Ernesto Chao, “quen facilitou moito a rodaxe”. Polo que respecta aos resultados Juanes tamén se mostrou moi contenta coa montaxe final destacando o acabado profesional da peza, “cuestión que se debería ter en conta á hora de buscar traballo”, indicou.

Pola súa banda, o profesor Paulino Pérez tamén amosou a súa satisfacción co esforzo realizado polo seu alumnado. Ademais de gabar o guión e a calidade técnica do documental, sinalou que as sinerxías con asociacións sen ánimo de lucro “fan posible que poidamos botarlles unha man e axudar na súa difusión así como ofrecer aos nosos estudantes unha oportunidade coa que desenvolver as súas actividades creativas”, engadiu.
Como profesor de Comunicación Audiovisual, Pérez insistiu na necesidade de continuar na procura de novas sinerxías co fin de achegar un valor engadido ao alumnado e á Universidade. “A facultade pode asumir un importante labor de divulgación pondo en valor moitos proxectos que se están desenvolvendo na nosa institución pero que non se ven, axudando á súa difusión pública”, concluíu o profesor.