DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha conferencia na sala de exposicións de Caixa Galicia

O trinomio cidade, universidade e empresa é o eixo do proxecto "Ourense Aporta"

Áurea Elena Soto e José Miguel Iribas foron os encargados de explicar o reordenamento do campus

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Noelia V. Vilanova DUVI 23/01/2009
Ourense é unha cidade con grandes potenciais, especialmente pola súa capacidade conectiva co resto da península. Por iso está chamada a ser a porta de Galicia, sen embargo, para que isto sexa posible é preciso un proxecto urbanístico que sexa capaz de xerar un “escenario de futuro a partir dos atributos da cidade sen deixar a un lado o aspecto económico”, explicou José Miguel Iribas, sociólogo, urbanista e un dos responsables, xunto co arquitecto Patxi Mangado, do proxecto Ourense Aporta.
Xunto con Iribas, na sala de exposicións de Caixa Galicia, estivo este xoves a concelleira de Urbanismo, Áurea Elena Soto. Entre os dous avanzaron un “plan urbanístico que se centra no trinomio cidade, universidade e empresa”, dixo Soto.
Numerosos foron os asistentes que non se quixeron perder a posibilidade de coñecer o futuro que lle agarda a Ourense. Entre o público contábanse representantes do campus como o vicerreitor, Juan Francisco Gálvez ou o arquitecto Javier Suances, “inestimables colaboradores e amigos neste proxecto”, comentou Iribas. Tamén estaban nas primeiras filas persoeiros do mundo da política como o alcalde da cidade, Francisco Rodríguez. E por suposto non faltaron gran cantidade de cidadáns interesados en coñecer o plan urbanístico da man dun dos seus artífices.
No proxecto Ourense Aporta destaca de xeito especial o papel que xoga o campus universitario, concibido dentro dos plans do Concello, “como un espazo para toda a cidadanía e non só para os estudantes, vinculado a terreos empresariais e comerciais”, subliñou Soto. A concelleira destacou tamén na súa intervención outros aspectos estratéxicos que se inclúen dentro do novo PXOM, Plan Xeral de Ordenación Municipal, como son “o AVE, a ronda bulevar ou metro lixeiro e o termalismo”.

Un campus para todos

Iribas comezou desculpando a ausencia de Mangado, aínda que “el sempre quixo que neste proxecto se falase máis de urbanismo que de arquitectura”. Ambos os dous traballaron para crear un plan no que primase a utilidade, “unhas infraestruturas reais e as que se lle poda dar uso”. Por iso o seu labor partiu de analizar os atributos da cidade e buscar o modo de sacarlle máis partido. “Atopámonos cun campus cunha posición central que poucos teñen e que, sen embargo, era un espazo periférico”. Ademais déronse conta de que unha premisa importante para que unha cidade creza é reter o talento e para iso “había que xerar expectativas de vida barata e de calidade”. Por outra banda, Ourense coa chegada do AVE “sen contar Madrid, é a terceira cidade española con máis potencial conectivo xunto con Albacete e Zaragoza”. Todos estes eran elementos fundamentais ao redor dos cales poder construír futuro e por iso traballaron neles ao reordenar o campus.
No proxecto dividiron o espazo universitario en cinco zonas. A primeira área é onde se sitúan os Edificios de Ferro, Politécnico e Administrativo ademais dos pavillóns. “Aquí non ofrecemos nada novo salvo a recomendación de reducir o número de vallas”. O segundo apartado xa ofrece moitas novidades; denominado Praza da Universidade, este espazo será fundamental para “recuperar o pulso entre cidade e campus”. Nel situaranse un auditorio e un pazo de congresos, un mixto hoteleiro, o club Universidade-Empresa, a Casa do Alumno, o Centro de Novas Empresas Tecnolóxicas (CNET) e varios edificios de vivendas. En terceiro lugar aparece a zona denominada Xardín das Lagoas, onde se sitúa o Edificio Xurídico-Empresarial e as piscinas, “aquí engadiremos unha zona residencial, vivendas universitarias, un restaurante-comedor, unha pequena zona comercial e un edificio administrativo”. O cuarto espazo será o parque deportivo onde se situará a pista de atletismo e o campo de fútbol ademais dunha cafetería e zona residencial. Por último, o quinto espazo “estará adicado a vivendas, que serán asignadas por expediente académico, e edificios para a investigación”.
Xa para rematar, Iribas lembrou aos asistentes que tanto el como Mangado “creamos un proxecto pero nada disto sairá adiante sen a complicidade dos cidadáns que teñen que confiar nas posibilidades de Ourense”.