DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As Bolsas Leonardo do Concello de Ourense buscan facilitar a inserción laboral do alumnado

Trinta estudantes melloraron a súa cualificación profesional en Europa

Italia, Irlanda do Norte, Portugal, Francia e Polonia foron os destinos dos bolseiros

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 25/01/2010
nse
Trinta estudantes alumnos dos ciclos superiores de Formación Profesional e universitarios participaron na última convocatoria das Bolsas Leonardo da Vinci, unha iniciativa posta en marcha pola Concellería de Educación do Concello de Ourense co obxectivo de permitirlle ao alumnado a realización dunhas prácticas profesionais no extranxeiro que lles beneficien para a súa formación profesional. Os bolseiros foron recibidos este luns polo alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez e mais pola concelleira de Educación, Ana Garrido, no transcurso dun acto que tivo lugar no salón de plenos da casa consistorial. Os participantes relataron as súas vivencias e experiencias persoais, tanto polo que respecta ao curso de idiomas como do seu primeiro traballo no país de destino. Tamén se lles fixo entrega dunha serie de documentación que lles vai ser de utilidade para os trámites administrativos que van ter que facer a partires de agora.

Ampliar o currículo e adquirir experiencia profesional

Os bolseiros fixeron as súas prácticas en empresas ubicadas en Florencia (Italia), Derry (Irlanda do Norte), Lisboa (Portugal), Burdeos (Francia) e Cracovia (Polonia). Un dos beneficiarios do programa foi Juan Carlos Doval, un recén licenciado en Administración e Dirección de Empresas pola facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense. Ampliar o currículo e adquirir experiencia profesional noutro país da Unión Europea foron os dous motivos principais que decidiron a Juan Carlos a solicitar unha das Bolsas Leonardo da Vinci. Pasou doce semanas en Cracovia, as tres primeiras enfrascado nun curso intensivo de inglés (o programa de bolsas establece ese período temporal como unha adaptación previa para facilitar a integración cultural e lingüística dos bolseiros no país de destino) e as nove restantes facendo prácticas en Z-Media, unha empresa editorial situada no centro de Cracovia e editora da revista Manufacturing Journal. Juan Carlos explica que o seu traballo na compañía “foi eminentemente comercial, facendo contactos con outras empresas de España e Portugal”. O bolseiro cualifica a experiencia de “moi positiva” porque, segundo afirma, “permitiume adquirir experiencia laboral pero tamén unha maior seguridade ante a posibilidade de marchar ao extranxeiro”. A situación laboral no noso país non pasa polos seus mellores momentos, unha realidade na que Juan Carlos fai especial fincapé e asegura que "estas bolsas ábrennos as portas para ir ao extranxeiro sabendo que te defendes ben nun idioma e nunha cultura distinta”, declara. O bolseiro recoñece así mesmo que a formación académica que adquiriu na Universidade foi de moita utilidade á hora de enfrontarse ao seu primeiro traballo no mundo laboral. “No desempeño de calquera traballo a formación é moi importante e nótase esa base, esa formación previa”, asegura.

O gasto en educación, sempre un investimento

O alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, afirmou no acto de recepción aos bolseiros que esta iniciativa “implica un custo para o Concello pero é unha actividade na que creemos porque sabemos que o gasto en educación é sempre unha inversión. Esperamos que os coñecementos que adquiristes fóra do noso país sexan beneficiosos para vós e para a sociedade en xeral”. Entre os obxectivos das bolsas están mellorar a formación práctica e a especialización dos estudantes, o coñecemento dunha terceira lingua –ademais do castelán e do galego-, fomentar a mobilidade entre os mozos e mozas ourensáns e promover o espírito emprendedor entre o estudantado. Nesta última finalidade fixo especial fincapé a concelleira de Cultura, Ana Garrido, na súa intervención. “Esperamos que a experiencia que adquiristes en Europa vos sirva para montar aquí o voso propio negocio e impulsar deste xeito o tecido empresarial da nosa provincia”, declarou.
O Concello de Ourense convocará unha nova edición das Bolsas Leonardo da Vinci nas vindeiras semanas.